Os populares lamentaron que “o Goberno central socialista se atribúa medallas” coa subida das pensións de viuvez porque “a mellora deste ano é posible grazas aos Presupostos Xerais aprobados polo Goberno do PP co voto en contra do PSOE”. Polo tanto, “os socialistas opuxéronse a esta suba nas pensións; pero, incluso, a portavoz do Goberno se atribúe agora esta modificación”.
Dende o PP lucense explicaron que “o PP deixou aprobados uns orzamentos cun incremento do 7,7% para as pensións de viuvez ao subir a base reguladora do 52 ou 56%. Isto supón un incremento de 50 euros de media na percepción mensual de cada pensionista. Pero, a maiores, o Partido Popular deixou aprobada tamén unha suba do 56 ao 60% da base reguladora das pensións de viuvez para o 2019 que se fará efectiva xa no vindeiro mes de xaneiro”.
Os populares de Lugo recordaron que “o Goberno de Mariano Rajoy blindou as pensións cumprindo o seu compromiso de nin recortalas nin conxelalas”. De feito, “o Goberno do PP estableceu varias melloras nas pensións: a suba dun 3% para as pensións mínimas e non contributivas e dun 1,6% para as restantes ou a redución do IRPF que beneficia a un millón de pensionistas que, ademais de ver incrementada a súa percepción económica tamén verán mellorado o seu poder adquisitivo ao ter que pagar menos impostos”. Estas medidas contribuíron a que na provincia de Lugo a pensión media de xubilación sexa de 787,41 euros, un 18, 27% maior que a finais do 2011.
Agradecemento pola información
Aurora Carro, pola súa banda, agradece que “dende o Partido Popular de Lugo nos faciliten información para coñecer exactamente en que consiste esta suba das pensións de viuvez”. Igualmente, aproveitou para facerlles chegar aos populares as reivindicacións da Asociación de Viudas de Lugo que pasan por “non tocar as pensións nin de xubilación nin de viuvez se non é para subilas”.