Santos Ramos explicou que “o PSOE son os militantes, aos que temos a obriga de dar conta do traballo que levamos a cabo dende a dirección que elixiron. Estes encontros, ademais dun exercicio de transparencia, buscan fomentar a participación, o diálogo, o debate ou a posta en común de inquedanzas e perspectivas, que permita ao Partido Socialista na provincia de Lugo afondar nun proxecto que recolla e englobe as demandas, preocupacións e necesidades que teñen os veciños da nosa provincia”.
“Entendemos que a mellor forma e xerando espazos nos que todos os militantes falen abertamente. Non pretendemos facer actos masivos e de aplausos, buscamos actos útiles, de participación, transparencia, dialogo e debate, nos que recollamos as diferentes necesidades e demandas dos veciños de cada unha das Comarcas. Facémolo dende o ámbito comarcal porque cremos na comarca como ente territorial que aglutina sinerxías ou conxunturas comúns e diferentes a doutros territorios”.
“É evidente que o Secretario Xeral e os compañeiros que integran a Executiva Provincial Socialista non podemos falar todos os días con cada un dos máis de 2.000 militantes. Por iso, iniciamos os Encontros Comarcais coa Militancia, cumprindo e dando continuidade a un dos compromisos que adquirín durante as primarias”.
Son 7 Encontros Comarcais abertos aos máis de 2.000 militantes dos 67 Concellos. Terán lugar na Comarca da Mariña (Cervo, 8 de setembro); Comarca de Lugo (capital lucense, 9 de setembro); Comarca do Suoreste (Monterroso, 10 de setembro), Comarca de Sarria (localidade de Sarria, 11 de setembro); Comarca de Lemos (Monforte de Lemos, 14 de setembro); Comarca da Montaña (A Fonsagrada, 15 de setembro) e Comarca da Terra Chá (Vilalba, 15 de setembro).
Máis participación
Estas xuntanzas organizadas polos socialistas forman parte do traballo feito ata agora pola dirección do partido para aumentar a participación dos militantes e afondar na transparencia. Por exemplo, cada mes teñen lugar as Comisións Comarcais, que reúnen a cada un dos 7 Coordinadores coa Comarca da Executiva Provincial Socialista, Alcaldes e voceiros dos Concellos da respectiva Comarca, así como os secretarios xerais e 1 militante elixido abertamente por cada agrupación municipal. A participación de todos os militantes nos Comités Provinciais ou o Espazo para o Militante habilitado de xeito especial na sede provincial son outros exemplos do traballo desenvolto para convidar aos militantes a ser máis partícipes e corresponsables do seu partido.