Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas cualifican de “irresponsable” o veto do PP a recuperar o seguro de accidentes no mar e o seguro de mal tempo

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 18. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, criticou hoxe o veto do PP a unha proposición do Grupo Socialista para recuperar o seguro de accidentes no mar e o seguro de mal tempo. Así o dixo durante o debate desta proposición non de Lei, que tivo lugar hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento.

Toja tildou de “irresponsable” este veto do PP para recuperar as dúas pólizas anuladas polo goberno de Feijóo, e que instou a “recuperar e promover para facer política preventiva na sinistralidade de accidentes no mar”.

Advertiu que “se teñen rpcarizado as condicións de traballo, e suprimido as medidas de carácter social, como as pólizas de seguros de accidente e de mal tempo no mar, unha ferramenta indispensable para o sector, que precisa de garantir ingresos mínimos cando non poden saír a faenar”.

Os socialistas tamén reclamaron hoxe a derrogación do decreto que fixa os prezos a pagar pola prestación de asistencia polos servizos de gardacostas, por canto a empresa adxudicataria enfróntase á prohibición para contratar ao estar condenada pola Audiencia Nacional por realizar “negocios xurídicos simulados para defraudar á facenda pública”.

A parlamentaria socialista urxiu hoxe á Xunta que analice se, con motivo desta sentenza, “algún dos contratos –de salvamento- poida incorrer en supostos de nulidade e se se aprecian polos órganos de contratación circunstancias de prohibición para contratar que afectan a este grupo empresarial”.

Plan de emprego

A parlamentaria socialista lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamar un plan de choque para impulsar o emprego no sector marítimo galego. Lembrou que dende a chegada de Feijóo á Xunta, Galicia pasou de 23.800 a 14.200 persoas ocupadas no mar, 10.000 persoas menos en 9 anos que evidencian “unha auténtica caída libre”.

Apuntou que “temos o número máis baixo de persoas ocupadas no mar dende que hai datos dispoñibles” mentres a Xunta leva “9 anos mirando para outro lado e abandonando ao sector ao seu esmorecemento”. Puxo como exemplo que no ano 2017 tan só executaran o 37 por cento do programa de competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura.

Sinalou que o goberno galego “incomprensiblemente deixou 6 de cada 10 euros no caixón dun programa fundamental para o impulso do sector do mar, que rexistra o valor máis baixo dende que hai rexistros da Enquisa de Poboación Activa”.

Exit mobile version