O deseñador internacional Jasper Morrison quixo contar este ano con SARGADELOS para poder exhibir, como él define, “unha das porcelanas europeas máis antigas do mundo” no seu estudo londiniense. O mesmo Jasper visitou as instalacións de SARGADELOS en Cervo a pasada primavera nas que tivo oportunidade de coñecer o proceso produtivo e onde quedou “impresionado pola beleza das formas e os decorados” característicos da firma.
Jasper Morrison é un dos máis prestixiosos e recoñecidos deseñadores ingleses, realizou proxectos con importantes empresas como Vitra, Alessi, Flos, Rowenta, Samsung, Camper e Muji entre moitas outras. As súas pezas están expostas nos principais museos de deseño do mundo. Tamén colabora con importantes arquitectos como Herzog & de Meuron cos que deseñou o mobiliario da ampliación do Tate Modern. Conta con oficinas en Tokio, Londres e París. No ano 2001 foi recoñecido co título de Royal Designer for Industry que concede anualmente a Royal Society for Arts a deseñadores de todas as disciplinas que lograron excelencia no deseño, traballo de valor estético e beneficio significativo para a sociedade.
Na súa tenda de Shoreditch, Jasper Morrison ofrece unha variedade de obxectos simples e útiles, elixidos tanto pola súa aparencia como pola súa funcionalidade. Unha interpretación moderna dunha ferraxería clásica onde obxectos de todo o mundo conviven con deseños do propio Jasper. A disposición dos produtos obriga a un exhaustivo proceso de procura para que cada vez que se visite a tenda se poidan descubrir obxectos que non se viron antes.
Para SARGADELOS é unha honra poder participar no London Design Festival da man do influente deseñador Jasper Morrison e así mostrar a singularidade dos nosos deseños neste importante evento.