Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares urxe sentido común no conflito de Sargadelos, “as partes implicadas deben ser responsables e evitar dar pasos que poñan en perigo moitos postos de traballo de veciños e veciñas de Cervo; e que puidesen provocar, incluso, a deslocalización da empresa”

Cervo, 15 de setembro de 2018.- O alcade de Cervo, Alfonso Villares, que está a seguir de preto e con preocupación o devir dos acontecementos da fábrica de Sargadelos na localidade, segue a instar ao sentido común das partes implicadas no conflito, “é fundamental un ápice de sensatez neste escenario porque o que realmente está en xogo é o futuro laboral de moitos veciños e veciñas de Cervo”.
Villares fai un chamamento á responsabilidade “as partes enfrontadas deben evitar dar pasos que poñan en perigo os máis de 100 postos de traballo, directos e indirectos, que hai en Cervo; e que puidesen provocar, incluso, a deslocalización da empresa”.
Se unha das partes considera que a outra está instalada na irracionalidade –precisou- “o único remedio pasa porque sexa estoutra a que lle aplique un chisco desa racionalidade necesaria”. Neste pulso –engadiu- “alguén ten que ceder para que gañemos todos e todas”.
O rexedor lamentou a situación que está a provocar este enfrontamento, que ameaza con sacrificar o pan de tantas familias, cando –recordou- na planta que Sargadelos ten en Sada, coas mesmas condicións laborais e tamén con representación sindical “mantéñense totalmente á marxe como meros espectadores e seguen a traballar con normalidade e sen atrancos”. Non debemos esquecernos de que se trata da mesma compañía, “e se alí non hai problemas aquí tampouco tería por qué habelos”, precisou.
As partes implicadas teñen a chave para que poidamos seguir a sentirnos orgullos de contar cunha das señas de identidade de Galicia no noso territorio, e que dá traballo a tantísima xente. Todo polo ben deses traballadores e traballadoras cuxos postos de traballo correron e están a correr perigo.
Sargadelos ten pasado, presente e debería ter moito futuro en Cervo. Nas súas mans está.

Exit mobile version