O borrador xa está en exposición pública na páxina web da Consellería de Medio Ambiente desde o 24 de xullo e permanecerá nesta plataforma ata o 24 deste mesmo mes, para posteriormente ser sometido á aprobación incial no pleno, requisito imprescindible para que entre en vigor “este documento necesario no que se delimita toda a zona afectada polo xacemento, 20.000 m2; regúlase a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superfie a preservar; e fíxanse as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido; entre outos aspectos”, precisou o rexedor, Alfonso Villares, quen visitou hoxe a zona da Atalaia, acompañado polo edil de Patrimonio, Alfredo Fernández e pola concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez.
Tal e como apuntou Villares, “a posta en valor do Castro da Atalaia é un obxectivo prioritario deste equipo de goberno; e con este plan damos un paso moi importante e necesario que nos permitirá seguir a traballar pola conservación do noso patrimonio”.
O rexedor precisou que se trata dun proxecto ambicioso, de envegadura; e que nos presenta certas dificultades engadidas “pero xa puxemos toda a maquinaria municipal en marcha para buscar esa fórmula que nos permita que todas as parcelas que se inclúen nese plan e que non son públicas, pasen a selo”. En referencia, a aquela na que está ubicado o esqueleto, a outra na que foi construída unha vivenda unifamiliar, e a dous solares máis sen edificar.