Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña comezará a desenvolver nos institutos da comarca o programa Catuxa para loitar contra a violencia de xénero

A Mariña, 19 de outubro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña vai comezar a desenvolver nos institutos da comarca o programa Catuxa, co que obtivo o segundo dos premios Coopera da Xunta de Galicia. Trátase dun proxecto no que se traballará a prol da igualdade e contra a violencia de xénero.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, contou que “estamos comezando o proxecto Catuxa, co que gañamos o segundo premio dos Plan Coopera da Xunta de Galicia, que vai dedicado basicamente á formación de alumnos e alumnas dos diferentes niveis dos institutos para que sexan conscientes do que significa a violencia de xénero e a igualdade”.
Llano manifestou que “o que estamos facendo agora dende a Mancomunidade é poñernos en contacto cos institutos para desenvolver en conxunto este programa que consideramos importante para que remate a finais do curso 2018/19. Xa comezarán con algunha cuestión importante nos institutos neste primeiro trimestre, seguirán o segundo, e posiblemente o terceiro trimestre tamén estarán traballando neste programa”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña subliñou que “non soamente se vai traballar cos institutos senón que tamén se vai levar adiante cos diferentes concellos da Mancomunidade para que exista unha coordinación e unha planificación integral para solventar este problema da violencia de xénero, e promocionar o termo da igualdade”.
Consello de Turismo
A Mancomunidade de Municipios da Mariña está presente no recentemente constituído Consello de Turismo da Deputación Provincial. Alfredo Llano explicou que “tivemos o acto de fundación do Consello de Turismo para a provincia de Lugo, que é unha idea impulsada pola Deputación, onde hai a representación máxima posible e tamén está a Mancomunidade de Municipios da comarca da Mariña”.
O presidente da Mancomunidade espera que “serva para moito este novo Consello de Turismo e procuraremos que entre todos deseñemos e impulsemos unha idea de turismo para toda a provincia e de forma específica para a nosa comarca. Imos estar aí traballando tal e como vimos facendo, ademais se é dunha forma coordinada co resto de institucións e de organizacións que estean a traballar polo turismo dunha forma que sexa moi beneficiosa en todos os aspectos para a provincia, moito mellor. Consecuentemente espero que a comarca da Mariña saia beneficiada desta nova iniciativa”.

Exit mobile version