Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios Da Mariña solicitará no 2019 unha subvención á Xunta para mellorar a sinalización das rutas de sendeirismo

A Mariña, 4 de outubro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña solicitará no 2019 unha subvención á Xunta de Galicia para mellorar a sinalización das rutas de sendeirismo. O presidente desta entidade rexeita as acusacións realizadas nas últimas horas desde o PP e aclara que a Mancomunidade non perdeu subvención algunha.
Alfredo Llano referiuse esta tarde ás declaracións realizadas polo deputado autonómico popular Daniel Vega: “o que o deputado di sobre que a Mancomunidade perdeu unha subvención hai que puntualizalo e explicalo ben, porque realmente este señor non se enteira de como son os plenos da Mancomunidade ni como se traballa nesta entidade”.
O presidente da Mancomunidade dixo: “é certo que había unha subvención solicitada por varios concellos da Mancomunidade co propósito de sinalizar e mellorar as súas rutas de sendeirismo para que sexan un atractivo turístico ou para deporte, pero o que ocorre é que este ano cando saíu a subvención a Mancomunidade carecía de medios técnicos ou de persoal específico para concretar o que se pide nas bases da subvención e ademais dan un tempo moi corto para poder xustificalas. Entón nun pleno da Mancomunidade decidimos que este ano, debido á imposibilidade de levar a cabo a xustificación, renunciaríase a esa subvención, non é que se deixara perder”.
Alfredo Llano subliñou que “foi así e esta xente debería sabelo. Tamén se acordou que para o ano que vén van pedir todos os Concellos que queiran a mesma subvención, pero o técnico de cada un dos Concellos que opten a esta subvención debe ter todo preparado para que en canto sexa aprobada poidan ter o material e todo o que se solicita nas bases desa subvención para facelo inmediatamente, nun prazo moi curto de tempo, o que agora sería imposible”.
Llano insistiu en que “polo tanto non é que se perdera ningunha subvención e do que se ten que preocupar este deputado é de facer algo positivo para A Mariña porque eu descoñezo ata agora, cando xa vamos en dous anos e pico de lexislatura, que fixera algo pola Mariña. Penso que debería respectar, agradecer e motivar á xente que estamos traballando pola Mariña e que estamos facendo cousas en realidade, mentres que el está agochado e ao único que vai a Santiago é a facer que fai. Pero ata agora o único que fixo é unha cousa que nin sequera é importante, que foi poñerlle un título máis longo que a película de Ben Hur ao Hospital da Costa. Así que se quere criticar e facer algo positivo e que sexa rigoroso que se decate antes de dar estas opinións que non van a ningún lado”.

Exit mobile version