Site icon Crónica3.com A Mariña

A VII limpeza simultánea de praias recollerá o lixo da praia de Arealonga de Barreiros

Lugo, 15 de outubro de 2018.- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebra este ano 2018 a sétima edición da Limpeza Simultánea de Praias, unha actividade de voluntariado ambiental consistente na limpeza colectiva e reivindicativa en varias praias das tres provincias costeiras galegas. Ao tempo que se retiran parte dos residuos presentes nos areais, faise unha chamada de atención sobre a problemática do lixo mariño. A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 20 de outubro, á que se sumarán as delegacións de ADEGA en Lugo e na Mariña para coordinar a recollida manual de lixo na praia de Arealonga (concello de Barreiros). Tamén colaborará nas tarefas de limpeza, que durarán tres horas, entre as 11:30h e as 14:30h, aproximadamente, o Colectivo Cultural Ollomao.

As persoas que queiran participar, deberán anotarse previamente, chamando ao 982 240 299 ou 670 260 440, ou enviando un correo electrónico ao enderezo alba@adega.gal co seu nome completo e un teléfono de contacto.

O punto de encontro terá lugar ás 11:30h da mañá, na explanada que hai en fronte do restaurante “La Yenka” (Estrada da Praia, 32). Será preciso levar calzado axeitado, preferentemente impermeable, e luvas para unha maior seguridade durante a recollida.

A actividade realizarase seguindo as indicacións do protocolo de actuación editado por ADEGA, para unha axeitada limpeza ecolóxica de praias.

VISIBILIZANDO O LIXO QUE BOTAMOS AO MAR

Cada ano, uns 10 millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos, na súa maioría procedentes da industria do mar, pero unha grande parte provén das achegas a través dos ríos, debido a unha mala xestión dos residuos en terra. Estes residuos vertidos no mar provocan graves consecuencias nos ecosistemas mariños, estimándose que máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano, ao inxerir ou quedar enredados nos plásticos dos océanos.

Ademais, poden afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que poden entrar na cadea alimentaria. Outro dos problemas asociados a estes residuos é que provocan perdas económicas importantes, debido a que diminúen a pesca comercial e degradan lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ademais de supoñer un enorme gasto de limpezas de praias.

Con esta actuación, ADEGA pretende dar visibilidade a esta importante problemática e concienciar á cidadanía da importancia dunha axeitada xestión dos nosos residuos e do noso consumo. A sensibilización do voluntariado é chave para a realización destas xornadas podendo  observar de primeira man a cantidade de lixo a agochan a nosas praias.

Exit mobile version