Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia á unidade de atención temperá que desde a Casa do Mar de Burela dá servizo, cada ano, a máis dun cento de nenas e nenos da Mariña

Burela, 5 de outubro de 2018.- A Consellería de Política Social apoia cunha achega que supera os 93.400 euros o funcionamento da Unidade de Atención Temperá que, con sede na Casa do Mar de Burela, xestionan de xeito compartido oito concellos mariñáns: os de Burela, Xove, Cervo, Foz, Ribadeo, Barreiros, Alfoz e Lourenzá.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, resaltou que a colaboración da admiración autonómica fai posible a descentralización desta rede asistencial que contribúe a prestar una atención “integral e eficiente” aos nenos e nenas e ás súas familias “no seu entorno máis próximo”.

De feito, a Unidade de Atención temperá dá cobertura á practica totalidade dos municipios mariñáns dende o ano 1995 (dende o 2003 con sede en Burela) e atende a unha media de 100 casos ao ano.

Balseiro coñeceu de primeira man o funcionamento deste centro que ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento de nenos e nenas de 0 a 6 anos que precisan de asistencia ou atención especial. A través dun equipo de catro profesionais, en logopedia, psicoloxía, pedagoxía e tamén en fisioterapia, a Unidade de Atención Temperá busca dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

As derivacións das nenas e nenos usuarias deste servizo prodúcense tras unha avaliación pediátrica e, en moitos casos tamén, tras alertar da posible existencia dun problema ou indicios do mesmo desde os centros educativos.

A Xunta, da man dos concellos asociados, reafirma a aposta por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social facendo posible acceder a estes servizos profesionais nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas e sen necesidade de longos desprazamentos para recibir as correspondentes terapias.

Exit mobile version