Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza as actuacións de mellora no campo de fútbol de Cantarrana financiadas pola Secretaría Xeral para o Deporte

Viveiro, 16 de outubro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda vén de autorizar as actuacións de mellora no campo de fútbol de Cantarrana, financiadas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Este permiso previo era imprescindible para acometer estes traballos xa que afectan á zona da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, na que están emprazadas estas instalacións deportivas.

O Viveiro Club de Fútbol conta xa con todos os permisos administrativos autonómicos para levar adiante unhas melloras que se acometerán co financiamento íntegro da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

En concreto, a achega autonómica permitirá a dotación de rego automático ao campo de Cantarrana, co correspondente levantamento do tepe e colocación de tubaxes, aspersores, electro válvulas e as conexións eléctricas necesarias para o seu correcto funcionamento.

Así como tamén outras melloras en equipamentos, en particular, a autorización cita a colocación de dúas porterías de fútbol trasladables e reposición de varanda de protección nos laterais das gradas para mellor seguridade dos afeccionados.

A Xunta colaborará co Viveiro Club de Fútbol a través da achega de 40.000 euros, avanzada durante unha visita do delegado territorial, José Manuel Balseiro, ás instalacións e tras reunirse coa directiva desta entidade deportiva.

O Viveiro Club de Fútbol dispón na actualidade dun equipo competindo na liga rexional preferente e de distintos equipos en categorías inferiores, algúns en competicións autonómicas. Ademais está a piques de celebrar o seu centenario

Exit mobile version