Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta contribúe con preto de 84.000 euros a mellorar a recollida selectiva de lixo nos concellos da Mariña

Lugo, 16 de outubro de 2018.- A Xunta de Galicia achega á Mancomunidade de Concellos da Mariña 83.800 euros para adquirir máis de 400 colectores de distintas clases co obxectivo de mellorar a recollida selectiva de lixo nos municipios de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, O Vicedo, Viveiro e Xove.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta aportación realízase ao abeiro da liña competitiva de axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) que ten en marcha a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Administración galega contribuirá a financiar o 70 % da adquisición do novo equipamento que será distribuído entre os concellos da Mancomunidade. Dentro desta iniciativa está prevista a subministración de contedores verdes de dous tamaños -183 de 800 litros e 98 de 360 litros-, 55 amarelos, 35 colectores para a recollida de papel e cartón, 14 para vidro, 32 papeleiras e 57 suxeicións de aceiro inoxidable para fixar a instalación dos contedores.

O delegado territorial de Lugo salientou a importancia da cooperación entre administracións para mellorar e completar os servizos municipais e lembrou que “a Xunta aposta polo medio ambiente a través do Fondo de Compensación Ambiental, financiando iniciativas como esta, a través da cal a cidadanía destes concellos contará con máis medios para facer unha correcta separación do lixo, contribuíndo así a acadar unha xestión máis eficiente dos residuos”.

O Goberno da Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para financiar actuacións de mellora ambiental, permitindo que por vez primeira os concellos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas instaladas no seu municipio, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico

Exit mobile version