Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano fai unha valoración moi positiva da xornada da parada cardíaca, que se celebrou na praza do Concello

Burela, 16 de outubro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha valoración moi positiva da xornada da parada cardíaca, que esta mañá se celebrou na praza do Concello. O rexedor destacou a alta participación nas demostracións e na formación e considera que todo o mundo debe ter unhas nocións básicas para actuar en casos de paro cardíaco.
Burela acolleu a celebración destes actos que organizaron a Consellería de Sanidade e a Fundación Urxencias Sanitarias 061. Foi a primeira vez que estas actividades se desenvolveron fora de Santiago de Compostela e deste xeito quíxose premiar o compromiso do Concello de Burela coa cardioprotección.
Alfredo Llano manifestou que “todo o mundo, tanto nenos como adultos, calquera persoa debera saber un mínimo de coidados básicos para facer unha reanimación cardiopulmonar porque, parece que non pero, ao mellor unha simple actuación básica, pode ocasionar que non se perda unha vida”.
O alcalde dixo: “consideramos de grandísima importancia que se celebrara hoxe aquí, en Burela, esta xornada. Houbo unha participación masiva dos centros escolares e dos institutos. Creo que foi indicado perfectamente para a poboación que de cara a ir educando desde as primeiras idades. Houbo moita participación dos escolares, pero tamén dos profesores e desde logo dos voluntarios e da xente do 061 que se desprazou ata aquí para formar equipos de oito ou dez persoas, e estiveron toda a mañá na praza do Concello dando eses cursiños e as actividades para dotar dos primeiros coñecementos á xente que se inicia”.
O rexedor considera que “foi un éxito total. Houbo moita participación, tivemos bo día, e pensamos que marcamos unha referencia clara de seguir e de motivar con esta formación a través destes cursos ou a través doutros cursos como poden ser os de manexo de desfibriladores, que tamén os temos en Burela para que os poidan usar e entender toda a xente que forma parte duns colectivos, por exemplo no Concello, nos polideportivos, Protección Civil, que todo o mundo saiba manexar eses instrumentos porque son fundamentais á hora de aplicar unha reanimación cardiovascular”.
Alfredo Llano declarou que “o Concello participou e foi gratamente sorprendido con esta iniciativa pola cantidade de xente que se mobilizou hoxe para Burela, dado que esta era unha actividade que se viña facendo en Santiago. Este ano decidiuse vir a Burela porque consideran que tamén é bo que a xente que non está nas cidades poida compartir unha formación deste tipo. Isto vainos motivar a seguir no Concello participando e colaborando con esta xente, e desde logo facilitándolles toda aquela labor que consideren eles que debe ser coñecida entre todas as persoas de Burela e da comarca, sexan escolares ou non”.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Turismo e Deportes, Ramiro Fernández Rey, destacou e agradeceu a participación de xogadores e xogadoras do CD Burela FS Pescados Rubén, que tamén acudiron a esta cita. O edil burelés subliñou que “a experiencia foi moi positiva, nós como Concello quedamos encantados e os organizadores polo que nos comentaron tamén”.

Exit mobile version