Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá este martes a celebración dos actos da Xornada da Parada Cardíaca que organizan a Consellería de Sanidade e a Fundación Urxencias Sanitarias 061

Burela, 15 de outubro de 2018. Burela acollerá este martes a celebración dos actos da Xornada da Parada Cardíaca que organizan a Consellería de Sanidade e a Fundación Urxencias Sanitarias 061. É a primeira vez que estas actividades se celebran fora de Santiago de Compostela e deste xeito quérese premiar o compromiso do Concello de Burela coa cardioprotección. Os actos desenvolveranse entre as 11:00 e as 14:00 horas na praza do Concello e aos mesmos asistirán 300 escolares bureleses. O concelleiro de Obras, Turismo e Deportes, Ramiro Fernández Rey, subliña a satisfacción que lles produce a elección de Burela para levar a cabo esta xornada de concienciación e formación.
O edil burelés anunciou que “no día de mañá aquí en Burela imos ter a sorte de poder contar coa celebración que o 061 fai a nivel autonómico do Día Mundial da Parada Cardíaca”.
Ramiro Fernández subliñou que “para nós é unha satisfacción enorme, como Concello, que nos elixiran a Burela como o lugar onde se vai facer esta celebración, posto que o fan pola implicación que o Concello estivo tendo durante todo este tempo na posta ao día dos equipos de reanimación cardíaca que tíñamos aquí, renovando todo o material xa que cando chegamos ao goberno estaba todo un pouco deixado. Este é un premio a todo este traballo que levamos facendo durante este tempo”.
O concelleiro fixo fincapé en que “esta é a primeira vez que este acto sae de Santiago, sempre se celebrou en Compostela. Este ano, como un premio ao Concello de Burela e ao esforzo que fixemos tanto económico como de formación de xente, quérennos premiar traendo para aquí esta celebración”.
Fernández Rey explicou que “mañá a partir das once imos ter na praza do Concello, se o tempo o permite senón trasladariámolo ao pavillón Vista Alegre, un hospital de campaña e bonecos onde se van poder facer as prácticas de reanimación cardiopulmonar. Imos contar cos colexios tanto Virxe do Carme como os Castros, que van traer aos rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria para facer esa formación co persoal do 061. Van vir tamén os institutos Perdouro e Monte Castelo, que van participar nestas prácticas que entendemos que son moi importantes sobre todo para a xuventude”.
O concelleiro de Obras, Turismo e Deportes en Burela recalcou: “estamos contentísimos de que isto se leve a cabo aquí en Burela. Eu penso que son actos que se algún día se pode salvar unha vida coas prácticas que se van facer aquí, xa merece moitísimo a pena toda a inversión que se poida facer desde o Concello en ter os equipos ao día. Queremos animar a todo o mundo a participar a partir das once da mañá imos estar por aquí, e imos ter xente que nos vai explicar como poder facer a reanimación co desfibrilador. Estamos contentísimos e moi orgullosos de que nos elixiran a nosoutros por primeira vez para sacar este acto de Santiago e que se faga aquí en Burela”.
Cortes de tráfico en Suafonte
Durante a xornada deste luns e tamén mañá martes estanse a realizar cortes de tráfico na rúa Suafonte, onde se executan unhas obras de saneamento. A previsión, segundo Fernández Rey, “é que mañá eses traballos rematen”.

Exit mobile version