Mais case ninguén relaciona este peche co bloqueo sofrido polo autogoberno económico do País. Porque o Estatuto de Galicia, no marco do sistema dunha economía mixta de mercado, atribuílle ao Poder Galego a competencia exclusiva na xestión do sector público autonómico e máis a participación no goberno e administración das empresas públicas estatais operantes en Galicia que non fosen legalmente transferíbeis. Velaí o deseño constitucional dun sector público autonómico con vocación de abranguer ou, polo menos participar no sector público estatal operante en Galicia.
Porén, os sucesivos gobernos estatais bloquearon este- e moitos outros-preceptos estatutarios. Cando a SEPI estatal vendeulle INESPAL a Alcoa no 1998 por só 400 M USD, o Goberno galego de Fraga nin quixo nin puido oporse eficazmente a este malbaratamento patrimonial. Vendéronse moitas outras empresas no último goberno de Felipe González (1993-1996) e primeiro de Aznar (1996-2000), case sempre a prol dunha elite estatal extractiva, núcleo do capitalismo castizo de amiguetes ou do BOE que domina arestora os sectores regulados do IBEX 35.
A operación de recentralización económica completouse coa liquidación das Caixas e, de vez, das competencias estatutarias galegas sobre estas entidades fundacionais de base social e, xa que logo, de propiedade colectiva e non privada.
A desmontaxe dos sectores público e financeiro galegos ten empobrecido substancialmente o País no beneficio dese capitalismo estatal de amiguetes, ao tempo que reduciu moi substancialmente a compoñente social ou mixta dunha economía de mercado que está a se converter abertamente en sociedade de mercado.
O autogoberno é garantia de benestar e a recentralización é un camiño cara ao empobrecemento.