Site icon Crónica3.com A Mariña

Carta aberta ao Sr. Alcalde de Burela

GMPB

Sr. Alcalde:
A súa reacción ante os datos de recadación en multas de tráfico no que vai de 2018, 64.530’03 euros, é a agardada. Culpa ao PP da polémica, non se sinte responsable de nada, e mesmo solta improperios moi dados en vostede cando o que lle din é verdade.
Sr. Alcalde, os datos da recadación son oficiais. Podemos demostralo. E, por riba, déunolos vostede mesmo, non os inventamos; aínda que, polo súa reacción, semella que vostede non os coñecía, cousa que non nos sorprende. E se os datos son polémicos, non é por culpa nosa. Ademais, vostede é quen decide onde se invisten os cartos, non o PP; polo que non sería sorprendente que vostede usase ese diñeiro en obras preelectorais.
Sr. Alcalde, o PP non fomenta a polémica de taberna. O certo é que a polémica xa estaba nos bares, nos comercios e na rúa, porque a percepción que tiña a xente coincide co que se deduce dos datos que vostede nos facilitou. En todo caso, parece mentira que vostede non percibira a polémica; vostede, que di que anda tanto pola rúa, non se entera de moitas cousas, polo que se deduce que só escoita a aqueles que lle endulzan a orella. E o mesmo lle pasa, entre outras temas, co desastre da recollida de lixo que estamos a ter.
Sr. Alcalde, lembremos os datos. Recadación de 13.765’22 euros en 2016. En 2017, recadación de 18.862’31 euros. Para o presente ano, a recadación a 25 de setembro está en 64.530’03 euros.
Sr. Alcalde, a culpa deses datos de recadación é exclusivamente súa. Repase os datos e repase certas datas. Todo vén desde que vostede puxo en marcha dúas ou tres medidas puntuais en materia de tráfico, que non resolven nada, e que claramente entorpecen a actividade cidadá coma o acontecido con Arcadio Pardiñas ou na Avenida da Mariña. Antes non se daba esta recadación tan alta por multas. Vostede prometeu un plan para racionalizar o tráfico, pero non cumpriu; e, por riba, deseñou uns miniplans para incrementar o número de multas.
Sr. Alcalde, o único que fala da Policía Municipal é vostede. Vergoña lle debería dar porque nós non discutimos sobre as competencias e profesionalidade da Policía Municipal. E vergoña lle debería dar escudarse neles, cando vostede é o máximo responsable legal da Policía Municipal, ou sexa, o xefe, e por riba non delegou as competencias en ningún concelleiro. Iso si, vostede usa os informes da Policía Municipal para o que lle convén. Para exemplo o lío de Arcadio Pardiñas: lembre o célebre pleno de 30 de maio do ano pasado sobre o repintado de Arcadio Pardiñas. Como vostede quería facer algo chamativo, aplicou parte do informe elaborado pola Policía Municipal e esqueceuse do resto do informe.
Sr. Alcalde, antes de que vostede diga unha verdade nacerá un corvo branco. E non faga da falsidade unha norma de conducta.
GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR DE BURELA
Exit mobile version