Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza a segunda fase das obras de humanización da ribadense rúa San Roque. Os traballos prolongaranse ata principios do vindeiro ano

Ribadeo, 9 de outubro de 2018. Estes días da comezo a segunda fase das obras de humanización da rúa San Roque. Trátase do treito comprendido entre as rúas Vilalba e Picarolas. Haberá desvíos alternativos para facilitar o tráfico nesa zona. Os traballos correrán a cargo da empresa Copcisa e prolongaranse ata principios do vindeiro ano 2019. O Concello está a investir un total de 450.000 euros na reforma da rúa San Roque, nos dous treitos, no que xa rematou en xullo e no que se inicia na actualidade.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifesta que “logo do parón estival, estamos nestes días dando comezo á segunda fase do arranxo da rúa San Roque, nesta segunda fase que vai desde o remate da primeira, á altura da rúa Vilalba, ata a rúa Picarolas, á altura aproximadamente da capela da Virxe do Camiño”.
O rexedor engade que “estas obras, que se están empezando nestes días, continuarán ata principios do ano 2019. Seguen a ser executadas pola mesma empresa, por Copcisa, e imos cambiar todo o pavimento ao longo e ancho da rúa, é dicir, tanto da calzada como das beirarrúas e vanse ir substituíndo todas as acometidas de saneamento, de abastecemento de auga, de telefonía, de alumeado, de electricidade, de pluviais en xeral, ademais de dotar a este treito novo de rúa dun novo mobiliario urbano”.
Suárez Barcia salienta que “esta rúa San Roque foi sempre unha das rúas máis importantes da vila, e cunha importante proxección comercial aínda que nestes últimos anos estaba amosando síntomas de ter un certo baixón. Confiemos agora que na rehabilitación integral nas dúas fases, cando estea rematada, sexa unha rúa moi agradable para os que viven alí pero tamén para os comercios e que se poida ver un certo impulso nos seguintes tempos, esperemos que sexa así”.
O alcalde declara que “mentres facemos a obra, como na primeira fase, vai haber tamén unha fase de restrición ao tráfico para o cal desde a policía local, como fixemos no treito anterior, xa temos reforzada sinalización transitoria para os condutores para que poidan ir por vías alternativas. En todo caso confiamos que, esta segunda fase da obra, a cuestión do tráfico sexa menos agresiva do que foi na primeira. Aínda que non se vai poder circular por ela, entendemos que as arterias que quedan libres agora son un pouquiño máis fluídas do que puido ser na primeira fase”.
Fernando Suárez di que “son 450.000 euros de fondos propios que están sendo utilizados para executar o que é unha das principais rúas de Ribadeo, que foi, que é, e que estamos convencidos de que con este amaño quedará como unha rúa cunha certa perspectiva indiana tamén. Hai que ter en conta a arquitectura indiana, en moitos dos casos, que hai a ambas marxes desta rúa. Eu penso que o resultado está sendo satisfactorio a pesares dos problemas que durante as obras se producen, pero xa se sabe aquilo de que para facer tortilla hai que romper ovos”.

Exit mobile version