Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “Negocios sucios”

O tempo está a mudar. Un dos efectos perniciosos do cambio climático ten que ver coa proliferación de fenómenos atmosféricos extremos que rematan callando en catástrofes naturais.

Porén, aínda existindo o negacionismo como posición residual, resulta dificilmente comprensible desde outro prisma que a mesma semana que nos deixa o furacán “Leslie” estea facendo acto de presencia o seu homólogo “Michael”.

Algo semellante acontece co actual sistema económico, azoutan tempestades, mais semella complexo entender porque a climatoloxía anda tan revolta.
Onte chovía na Coruña, chegaba a noite ao campamento de traballadores de Alcoa instalados no polígono da Grela; polo día, superado o episodio de perplexidade, pasouse á acción restrinxindo a saída de camións.

O comité de empresa fora convocado o pasado martes 16 para unha xunta urxente, e na mañá do mércores anunciábase o peche dos centros de Coruña e Avilés. 686 traballadores no cómputo total, 369 do centro coruñés que coñecían a perda do seu medio de vida.

Dicía un tipo que a cousa andaba fodida, que xa cando, anos atrás, se acometeu o ERE sobre a metade da plantilla a cousa cheiraba mal, que hai catro anos, cando se especulaba co peche derivado dos malos resultados na poxa eléctrica, xa fedía… e concluía dicindo que ninguén estaba preparado para asumir o final.
É de supor que o espírito de supervivencia sempre leva consigo certa dose de infantilismo.

Un 6 de outubro de 1980, cando se inaugurou a planta de Alúmina Aluminio en San Cibrao, en tan sinalada data, os reis de España desprazábanse até a comarca da Mariña.

Un 17 de outubro de 2018 os operarios concentrados nas plantas de Avilés e Coruña buscaban un interlocutor co que poder falar. Por alí non andaba Roy Harvey –presidente de Alcoa-, ningún representante do goberno central ou autonómico, nin o propio Felipe VI.

“As finanzas son unha arma e a política é o arte de saber cando disparar esa arma”, ao fin e ao cabo a viabilidade de Alcoa en España é tan só unha cuestión de privilexios:
-Aqueles que reclama a terceira máis grande produtora de alumino.
-As do sector enerxético español, o terceiro máis caro de Europa.

Por iso a solución das case 700 familias que quedan sen sustento económico non pasa pola subvención do consumo eléctrico de Alcoa. senón polo pago do prezo real da enerxía.

Mentres o estado e as elites mercantiles seguen a facer negocios.

Exit mobile version