Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “O futuro non está escrito”

O estado do benestar ou a sociedade do benestar é un concepto da ciencia política e económica na que se institúe un modelo social segundo o cal a administración debe prover servizos ós seus cidadáns.
O estado benfeitor ten a súa orixe no ano 1946, despois da Gran Depresión o auxe dos fascismos nos anos 30 e a II Guerra Mundial; deste xeito foi concibido coma un camiño intermedio entre a planificación comunista e o capitalismo salvaxe.
Claus Offe, un dos grandes referentes da escola de Frankfurt, afirmaba que o estado de benestar, xunto coa existencia de partidos políticos en competencia, era o único camiño deica un “capitalismo democrático” ou un “estado de economía mixta.”
Hoxe en día a vella Europa estase a enfrontar a unha realidade que lembra ó pasado: cambio de paradigma económico que inquire a propósito de si é preciso máis capitalismo ou máis intervención.
E con todo este conto vello e gastado aterramos no sistema público de pensións en España.
O goberno determina a actualización das pensións conforme IPC, para asumir os compromisos adquiridos no Pacto de Toledo, e o FMI advirte de que ve en perigo a sostibilidade financeira do sistema público de pensións.
“Non poderá evitarse unha futura redución das pensións, aínda que sexa moderada.” Vai esmorecendo, vítima dos seus propios erros, o estado do benestar.
Debe saber que dos orzamentos xerais do estado o pago das pensións representa o 39 % do gasto total, de lonxe a partida máis significada de todas. Tamén debe saber que as súas aportacións á seguridade social non serven para pagar a súa futura pensión, senón que son as cotizacións sociais dos traballadores do momento as que, nun sistema de reparto coma o noso, se adican a este fin.
Na actualidade existe un ratio de 2,11 cotizantes en activo por cada pensionista e no ano 2017 o déficit anual das pensións ascendía a 18.800 millóns de euros.
Se a taxa de crecemento demográfico segue a caer estímase que no ano 2050 exista unha relación de un traballador en activo por cada pensionista.
Certo é que o futuro a curto e medio prazo ameaza con tempestade. Certo, tamén, que todo aquelo que se ve e prognostica non deixa de ser unha conxectura. Para ben ou para mal o futuro non está escrito.
Estamos a falar das pensións, pero do que ser trata é da supervivencia do estado de benestar, do contrato social de posguerra.
A única táboa de salvación que lle queda ó modelo pasa por un aumento da natalidade, a chegada de traballadores estranxeiros e a incorporación das mulleres ó traballo.
Os días de mañá semellan revoltos, mais non desespere, aínda está todo por facer.

Exit mobile version