Site icon Crónica3.com A Mariña

Coñecendo o patrimonio viveirense da man de Carlos Nuevo

A Mariña, 18 de outubro de 2018.- Arredor de vinte persoas participaron na visita guiada convocada por Mariña Patrimonio para coñecer o patrimonio relixioso e civil de Viveiro. Nesta ocasión, o Presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Cronista oficial do concello, Carlos Nuevo, acompañounos durante toda a xornada. Boa falla fixo se consideramos o moito que hai para ver en Viveiro.

Iniciouse a visita na elegante igrexa de Santa María do Campo, unha verdadeira xoia do románico, achegándonos a continuación ao outro gran templo de Viveiro, San Francisco, coa súa espléndida ábsida gótica e o Claustro do antigo convento franciscano.

O percorrido polo patrimonio civil centrouse nas diversas portas da cidade e un interesante paseo polas rúas, canellas e prazas máis significativas, o que nos permitiu coñecer curiosidades da vida urbana doutros tempos, así como das familias e persoeiros que tiveron maior relevancia histórica para a cidade.

Despois dun agradable xantar na taberna Rancho Chico de Celeiro, dedicamos a tarde a visitar Chavín para coñecer a obra dun persoeiro fundamental na historia contemporánea viveirense, o industrial José Barro, protagonista da vida económica de Viveiro da primeira metade do século XX

A nosa admiración e gratitude a Carlos Nuevo, gran coñecedor e divulgador da historia de Viveiro, pola seu saber e a súa xenerosidade.

Exit mobile version