Site icon Crónica3.com A Mariña

Costas indica a En Marea que a “desestabilización da praia de Covas débese a obras de Portos de Galicia”

Madrid, 22 de outubro 2018. O Ministerio de Transición Ecolóxica, a Demarcación de Costas, vén de respostar ao deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, en relación á petición de urxente rexeneración do areal de Covas (Viveiro), que “a desestabilización da praia de Covas prodúcese por obras realizadas por Portos de Galicia” e que “lle corresponde a Portos de Galicia adoptar as medidas correctoras”.

Informe de Costas de 2000 advertía do impacto e que Porto de Galicia non adoptou medidas

O Ministerio engade a En Marea que “o estudo feito pola Direción Xeral de Costas fíxose no marco da colaboración entre Adminsitracións Públicas”, e insiste en que “non lle corresponde á Administración Xeral do Estado”. Ademais, lembra que nun Informe emitido en marzo de 2000, Costas, salientaba en relación ao Plan de Utilización de Espazos Portuarios do Porto Viveiro-Celeiro, que: “a ampliación do espigón ten 50 metros de lonxitude máis que o previsto. Esta obra produciu a erosión da praia de Covas sen que Portos de Galicia adoptase medidas correctoras estabelecidas na Acta de Adscripción”.

Recheos que afectaron á dinámica das correntes

O deputado de En marea leva toda a lexislatura demandando a adopción de medidas urxentes para paralizar a regresión que sofre esta emblemática praia de Viveiro. Lembra que “o PP, por boca de diputados populares no Congreso, adicouse a facer propaganda e múltiples anuncios de actuacións que nunca chegaron. Limitouse a marear a perdiz deixando que o areal esmoreza”.

“Xa advertimos en anteriores ocasións, remarca o deputado de En Marea, que a regresión deste areal débese ás actuacións agresivas feitas no porto. Recheos e obras que afectaron ás correntes e modificaron a dinámica do ecosistema. As políticas de depredación especulativa no porto son as causantes dos cambios na praia de Covas”.

O deputado de En Marea demanda que se priorice o ben común, e se leven a cabo as actuacións para lograr a recuperación de Covas.

Exit mobile version