As actividades deste sábado, 20 de outubro, comezarán coa proxección fotográfica titulada Foz, onte e hoxe, do arquivo de fotos de Xesús do Breogán. Terá lugar na antiga escola pública de Fazouro ás 18:00 horas. Está organizada pola asociación de veciños Santiago de Fazouro e colabora o Concello de Foz.
Tamén este sábado haberá unha representación teatral a cargo de Sarabela Teatro que porá en escena a obra Normas para saber vivir na sociedade moderna. Baixo a forma dun divertimento irónico escóndese a crítica feroz a unha sociedade que, coas súas normas e a súa hipocresía, fai imposible a sinceridade. Lagarce, o autor contemporáneo máis representado en Francia, escribiu en 1993 esta crítica a unha sociedade chea de regulamentos, para o que partiu dun manual de boas maneiras do século XIX. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura focense ás 19:30 horas. O prezo da entrada é 3,5 euros, pero os xubilad@s e estudantes pagarán só 2 euros.
A programación cultural do Concello de Foz para este mes de outubro inclúe tamén unha representación do ciclo Teatro nas parroquias 2018 que correrá a cargo de O Batán, de Cangas, que presentará Bicos de vinagre. Escrita por Francisco Piñeiro González e dirixida por Mari Paz Rodríguez Silva, conta en ton de comedia as relacións entre país e fillos e a desestruturación da familia tradicional. Será no Centro Social de Cordido o día 28, domingo, ás 16:30 horas, con entrada gratuíta.