Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Burela louba a iniciativa levada a cabo por Deputación e CD Lugo coa Liga Genuine na que participarán rapaces da Fundación Eu Son

Burela, 19 de outubro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, amosa a súa satisfacción porque varios rapaces da Fundación Eu Son participen na Liga Genuine, co apoio do CD Lugo e a Deputación. Onte acompañounos ao Pazo de San Marcos á presentación desta iniciativa social e asegura que están moi emocionados.
O rexedor comentou que “fomos a Lugo á presentación e asistimos á sinatura do convenio entre a Deputación e o CD Lugo para levar adiante un proxecto que nos parece interesantísimo, que é integrar á xente usuaria do centro Eu Son de Burela, nun equipo de fútbol a nivel provincial onde existen outras asociacións tamén con rapaces coma esta”.
Alfredo Llano dixo que “Burela contará con cinco rapaces neste proxecto. Onte fun con dous deles e están moi animados e moi motivados para poder xogar ao fútbol desta maneira co CD Lugo, que van ir a diferentes sitios e van participar nunha liguilla”.
O alcalde de Burela considera que “é unha maneira extraordinaria de integración co deporte, de velar pola autonomía e de motivar tanto aos usuarios dos centros como aos seus familiares. Polo tanto foi unha boa idea, e unha honra para min estar alí con eles, poder animar e contribuír dalgún xeito para que saian moi beneficiados desta actividade deportiva”.
Resposta ao PP
O rexedor burelés cualifica de moi graves e tristes as declaracións efectuadas polo portavoz do PP sobre as multas, a Policía Local e o alcalde.
Alfredo Llano manifestou que “o voceiro popular está a desvirtuar a labor realizada por el mesmo no Concello burelés. O señor Barcia insinuou o outro día, a través da prensa, unha serie de cuestións que a min me parecen unha auténtica barbaridade, no senso que ven dicir que pouco menos que o alcalde obriga ou insta aos funcionarios da Policía Local a facer recadación a través de multas, para que ao final esa recadación se poida aproveitar en obras que repercutan nunha mellor imaxe para gañar as próximas eleccións municipais”.
O alcalde lembrou que “onte volveu saír cunha carta aberta que xa non vou contestar sequera porque me parece que isto xa está pasando de nivel e estamos quedando á altura do betún. Penso que o señor Barcia está facendo o que alguén lle dixo ou incluso pode ser iniciativa del, pero sabendo que unha persoa tivo responsabilidades de goberno e que insinúe que desde as institucións se está procurando mover aos funcionarios desta maneira, como se non fosen persoas autónomas e xente responsable, é moi grave”.
Llano declarou que “me parece moi triste que a estas alturas da vida o señor Barcia estea facendo estas cousas que o único que fan é desvirtuar toda a súa labor, que tiña unha traxectoria. Con estas manifestacións é unha barbaridade o que está insinuando e dicindo. Penso que non se lle debe dar importancia, pero a min dáme un pouco de tristura ver que está metido nestas formas de facer política que non quedan nada ben nunha persoa como el”.

Exit mobile version