Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cualifica de miserables os orzamentos da Xunta para a comarca da Mariña

A Mariña, 22 de outubro de 2018. O BNG valora os orzamentos presentados polo Partido Popular para a comarca da Mariña como “uns orzamentos miserables, nos que se reducen os investimentos e se amosa a falta de compromiso por impulsar as infraestruturas, como a VAP.”
“É insultante que abandonen A Mariña deste xeito. E os cargos comarcais do Partido Popular: Balseiro, Vega e Candia, deberían dar a cara e explicar a razón pola que empuxan aos sectores económicos da comarca a realizar un sobreesforzo para situarse en situación de competitividade con outros territorios”, manifesta a responsable comarcal nacionalista, Ana Ermida.
Para o BNG “os orzamentos presentados pola Xunta amosan, unha vez máis, que para o Partido Popular, A Mariña só é un caladeiro de votos ao que vir pescar cando lles interesa. Cando non, envíannos as migallas e insultan á intelixencia das e dos mariñaos presentando uns orzamentos que nos empurran a quedar atrás na competitividade con outros territorios”.
A formación nacionalista fai especial fincapé na “ridícula” cantidade que a Xunta pretende destinar á VAP na zona de Xove e Viveiro. “Dos 2,2 millóns que orzamentaron para este ano e que, evidentemente, non chegan nin para comezar – como se pode comprobar empiricamente-; pasan a orzamentar para o 2019, 1,5 millóns. E isto é o que venden como grande investimento da Xunta na Mariña, cando hai dous anos a conselleira anunciaba 60 millóns.” Desde o BNG insisten en que hai necesidades imperiosas na comarca para as que non se contemplan un só euro nos orzamentos, como pode ser o saneamento e arranxo do emisario da Ría de Viveiro, o saneamento da inmensa maioría dos concellos ou a rede de abastecemento no concello de Ribadeo, onde o deputado Daniel Vega debería preocuparse de algo máis que dos líos internos que poida ter o seu partido, tendo en conta que parece que se postula como candidatable á alcaldía”, afirma Ana Ermida.
Desde o BNG anuncian que presentarán emendas aos orzamentos para tratar de que respondan, na medida do posible, ás necesidades reais das e dos mariñaos e para que os cartos públicos se invistan na mellora integral da comarca e non se usen para escaparate de quen aspira a medrar politicamente a costa de vender fume, senón para situar á Mariña en situación de igualdade con outros territorios, en infraestruturas e en servizos e emprego.

Exit mobile version