Site icon Crónica3.com A Mariña

O BOP publica o ultimato do Concello de Ribadeo aos propietarios das fincas que seguen a incumprir a lei de incendios de Galicia

Ribadeo, 17 de outubro de 2018. O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio do Concello de Ribadeo coas notificacións das fincas que seguen a incumprir a lei de incendios de Galicia. Desde que hai un ano o Concello iniciara este proceso para a limpeza de máis de 700 terreos que están preto de casas ou de núcleos de poboación, foron 408 os que actuaron. En total o 45% dos propietarios ou xa adecentaron as súas propiedades ou están a punto de facelo, pero aínda hai un 44% que está pendente de dar cumprimento á lei de incendios. Esas persoas dispoñen dun ultimato, trátase dun prazo de 15 días naturais para adaptar as súas parcelas á legalidade. En caso de persistencia o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custes de xestión da biomasa e, no seu caso, decomiso das especies arbóreas retiradas pola Administración, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “este mércores sae publicado no Boletín Oficial do Estado un anuncio do Concello de Ribadeo onde estamos notificando unha serie de fincas que a día de hoxe seguen incumprindo a lei de incendios de Galicia. Hai que ter en conta que vai xa un ano, porque en outubro de 2017 desde o Concello de Ribadeo iniciamos esta acción tan importante para que o concello estivese adaptado correctamente á lei de incendios de Galicia, para que non houbera sustos e non houbera que laiar dramas no caso dun incendio forestal”.
O rexedor lembrou que “puxemos bandos, notificacións públicas e notificacións expresas aos particulares, houbo e hai unha atención mediática moi importante, e teño que dicir que fomos avanzando moito, pero a día de hoxe, como se ve neste anuncio do Boletín Oficial do Estado, aínda hai un bo número de parcelas de descoñecidos ou de xente que non recibe as cartas, ou que os enderezos que temos non son os adecuados e o servizo de Correos os devolve, ou hai alegacións que din que non son soamente as parcelas da súa titularidade senón que hai outros cotitulares. En definitiva con todas estas problemáticas estamos dando un novo e último prazo a todos estes propietarios para que fagan o que a maioría de propietarios estiveron e están a facer. Digo isto porque dos inicialmente setecentos e pico expedientes que mandamos no seu momento, naquel ultimato que demos legal tal e como establece a lei hai unhas semanas, 405 requirimentos, é dicir o 45%, que teño que dicir que é moito, ou actuou, ou está actuando ou está agardando permisos doutras administracións para poder cortar pero que se comprometen a facelo. Pero tamén debo dicir que hai outra serie de parcelas, ou de propietarios, das que non tivemos nin temos noticia algunha, e isto supón o 44%. A estes propietarios dos que nunca soubemos nada, a pesar de que foron requiridos nos boletíns como é o caso, é onde imos ir actuar coa execución subsidiaria, unha vez que pasen os prazos oportunos, e no caso de que non teñamos noticias fehacientes deles de que se comprometen a cortar ou que o están facendo”.
Suárez Barcia explicou que “por unha banda imos mandar estes incumprimentos á Xunta de Galicia para o correspondente expediente sancionador, por ser competencia da Xunta neste caso, e por outra banda imos iniciar o que nos compete ao Concello, que non é outra cousa que a execución subsidiaria, o cal non vai ser só o custo da actuación senón tamén a parte proporcional de toda a inversión que levamos asumido ao longo deste ano. En último caso tamén lle pasaremos os gastos aos propietarios ou, se estes non aparecen, a través do embargo da finca tal e como se establece na lei de incendios de Galicia”.
O alcalde ribadense declarou que “por respecto á vida no caso de que haxa incendios, e pola nosa obriga da defensa das vidas humanas no caso de que haxa lumes, pero tamén por respecto a todo o bo traballo que fixeron aqueles propietarios que nada máis que se lle requiriu fixeron a corta ou están en proceso de facela, non podemos agora mirar para outro lado”.
E insistiu: “queremos advertir a todos aqueles que non o fixeron aínda que imos ir ata as últimas consecuencias, que van ser que teñamos que executar, que teñamos que cortar nosoutros, ou con empresas que nosoutros a través da lei de contratos poidamos facer, e a partir de aí cobrarlle os gastos a eses propietarios. Se os propietarios non queren, ou non aparecen tampouco, é cando embargaremos eses montes e pasarán a ser de propiedade municipal. Pero non o queremos, só queremos que a xente cumpra coas súas obrigas, os que teñen propiedades, ademais de ter dereitos sobre elas, teñen obrigas. Isto non o dicimos nós, dío a lei de incendios de Galicia que leva máis de once anos vixente. Polo tanto calquera dúbida poden vir, como sempre, a oficina de Medio Ambiente, onde un excelente traballador municipal os atenderá en todas as súas dúbidas”.

Exit mobile version