Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz mellorará tres parques infantís da vila. Ademais pavimentará a estrada de San Martiño a Santa Cilla

Foz, 11 de outubro de 2018. O Concello de Foz acaba de adxudicar as obras de pavimentación da estrada de San Martiño a Santa Cilla, cun investimento de 46.000 euros, e a reparación integral de tres parques infantís na vila por 54.130 euros.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que “vimos de adxudicar no Concello de Foz, nas mesas de contratación que se realizaron estes días, dúas obras importantes financiadas integramente pola Xunta de Galicia”.
O rexedor explicou que “unha é a obra de pavimentación da estrada que vai polo Bispo Santo, desde San Martiño ata Santa Cilla, que foi adxudicada á empresa Construcciones Saa por preto de 46.000 euros. A outra actuación son tres obras e consisten na reparación integral de tres parques infantís do núcleo urbano. Un é o que hai no porto, na explanada do que era a antiga rula; tamén se actuará no que está no parque Martínez Otero, preto da parada dos taxis, e no que hai na rúa Álvaro Cunqueiro, a carón de Facenda”.
O alcalde engade que “estes tres atópanse en moi mal estado e dentro desa planificación de reparacións de parques infantís que xa comezamos o ano pasado agora tócalle a estes. Era unha demanda importante e son uns parques infantís con moita xente e moitos rapaces xogando neles. A reparación é integral e substitúese o chan de losetas de goma que teñen por un de goma continuo e tamén se renovan todos os elementos e os columpios. A construción ten un custe total de 54.130 euros, IVE incluído, e foi adxudicada á empresa Bahía Park, que será a que faga os traballos”.
Javier Castiñeira salienta que “son dúas obras financiadas pola Xunta de Galicia: a actuación na estrada por Agader e pola Consellería de Medio Rural, e a obra dos parques pola Vicepresidencia, dentro das subvencións para mellora de infraestruturas de uso público. Estas obras empezarán nas próximas datas e complementarán esas melloras que se requiren tanto para as infraestruturas necesarias tanto no medio rural como núcleo urbano”.

Exit mobile version