Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello saca a licitación as obras de mellora nas rúas do Porto, en Rinlo, e Juan Suárez Acevedo, en Ribadeo. O presuposto ascende a 68.900 euros dos que 13.000 son aportados polo Ministerio de Fomento e os 55.000 restantes proceden de fondos municipais

Ribadeo, 1 de outubro de 2018. O Concello de Ribadeo licita as obras de mellora de dous espazos públicos nos cascos históricos de Rinlo e de Ribadeo. Trátase dos traballos que se acometerán nas rúas do Porto e Juan Suárez Acevedo, e que suporán un investimento total de 68.900 euros, dos que 13.000 euros serán aportados polo Ministerio de Fomento e os 55.000 restantes polo Concello. As empresas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días para presentar as ofertas correspondentes.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “empezamos a semana tamén cunha licitación no que ten que ver con obra pública importante. Neste caso derivada das dúas áreas de rehabilitación integral que temos en Ribadeo, unha o propio casco vello, o conxunto histórico de Ribadeo, e o outra o conxunto histórico de Rinlo”.
O rexedor explicou que “con este convenio, entre o Ministerio de Fomento e máis o Concello de Ribadeo, licitaremos a mellora de dous espazos públicos. O primeiro deles é a rúa do Porto, de Rinlo, e o segundo é a rúa Juan Suárez Acevedo, en Ribadeo. A obra de Rinlo son 36.000 euros e a de Ribadeo son 27.000 euros. En total estamos a falar dunha inversión de 68.900 euros dos cales o Ministerio de Fomento asume 13.400 euros, sendo o resto, 55.000 euros, con cargo a fondos propios do Concello de Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou que “a partir de mañá ábrese un prazo de vinte días para que todas aquelas empresas que estean con capacidade para presentar propostas, poderán facelo. Teñen máis información na plataforma de contratos do Estado e tamén no perfil do contratante da páxina web do Concello de Ribadeo”.
O alcalde engadiu que “o criterio para a adxudicación vai ser fundamentalmente o económico, hai unha parte menor que é menos tempo de execución da obra, pero vai primar a oferta economicamente máis vantaxosa para o Concello”.
Fernando Suárez indicou: “queremos contribuír con todo isto a mellorar ese estado de deterioro no que se atopaban estes dous espazos públicos, non soamente para os usuarios e residentes dese entorno, senón tamén para moitos viandantes que a miúdo e a cotío utilizan estes espazos do conxunto histórico tanto de Ribadeo como de Rinlo”.

Exit mobile version