Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba unha proposta socialista para apoiar a comercialización de produtos do mar

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 18. A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe de forma parcial unha proposición non de Lei presentada polo Grupo socialista para reclamarlle á Xunta un programa concreto de apoio á comercialización de produtos do mar. A iniciativa foi presentada pola portavoz socialista de Pesca, Loli Toja, quen situou á comercialización como “a asignatura pendente da Consellería de Pesca”.

Toja explicou que o goberno galego reduciu a partida orzamentaria dirixida á comercialización de produtos dende 1,2 millóns de euros a apenas 185.000. Esta situación resulta especialmente grave, explicou, cando o programa ao que pertence, o de mellora da calidade produtiva, apenas foi executado nun 37 por cento en 2017 e, ata 30 de xuño de 2018, aínda estaba sen investir o 88 por cento do seu orzamento.

Sinalou que “por moito que a Consellería fale da cadea Mar – Industria, esta é difícil de comprender sen orzamentos, sen respaldo económico”, e puntualizou que “calquera cuestión que se establece como obxectivo da Consellería, sen a correspondente partida orzamentaria, pasa a ser unicamente un brinde ao sol”.

Lamentou que, a pesares de ter apoiado parcialmente a iniciativa, o PP votara contra os apartados que pedían establecer liñas de cooperación coa Axencia Galega de Innovación –Again- para incrementar o valor engadido dos produtos do mar. Tamén vetaron a proposta dirixida a establecer liñas de cooperación co Igape para apoiar o financiamento e a expansión internacional das empresas que elaboran produtos do mar.

Sinistralidade no mar

A responsable socialista criticou o veto do PP a unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta un estudo sobre a elevada sinistralidade no mar, onde a taxa de accidentes aumentaron un 8,5 por cento entre 2015 e 2016, os últimos anos dos que se ten noticia. O total de accidentes pasaron de 979 a 1.072 entre estes dous anos, mentres os graves aumentaron de 42 a 58 e os mortais pasaron de 8 a 12.

Toja reclamáballe ademais ao goberno galego unha análise específica sobre as enfermidades profesionais que afectan a redeiras e mariscadoras, “analizando as súas causas, frecuencia e medidas de prevención”. Sinalou a alta incidencia de trastornos músculo – esqueléticos entre este colectivo, e explicou que o baixo coñecemento deriva en “dificultades para o recoñecemento dunha baixa por continxencias profesionais”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a elaborar un programa concreto de apoio á comercialización de produtos procedentes do mar, tanto no ámbito estatal como no internacional, dotándoo coa contía orzamentaria suficiente para executalo na súa totalidade”.

Exit mobile version