Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento demanda ao Goberno central que negocie a ampliación da campaña do bonito do norte

Santiago, 18 de outubro de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda ao Goberno central a realización de estudos que acrediten o bo estado do stock de bonito do norte, de xeito que poida negociar para que se adopten as medidas de xestión que permitan estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da campaña desta especie.

O deputado popular Daniel Vega lembrou que 300 barcos participan cada ano entre os meses de xuño a setembro na campaña do bonito. Porén, lamentou que a campaña deste ano “rematou antes do esperado polo sector, concretamente o 23 de agosto, logo de que o Ministerio de Agricultura e Pesca dera a orde de finalizala ao esgotarse a cota de 15.015 toneladas”.

ACTUACIÓNS DA XUNTA

Diante desta situación, Vega sinalou que “a Consellería do Mar solicitou á Secretaria Xeral de Pesca do Goberno central a negociación de intercambios de cota con outros estados membros, e mesmo o adianto de parta da cota de 2019, co obxectivo de continuar pescando bonito do norte”.

Ademais, a Consellería aproveitou a celebración a semana pasada en Madrid do Consello Consultivo de política pesqueira para asuntos comunitarios “para defender o bo estado do stock do bonito do norte e solicitar un incremento de posibilidades de pesca desta especie”. “Esta solicitude atende á constatación, tanto por parte dos observadores como do propio sector pesqueiro, dunha grande abundancia de atún onde faena a flota galega, tanto no Golfo de Biscaia, como na área de Ortegal ou en augas de Irlanda”, engadiu.

REUNIÓN DA ICAAT

“O que demandamos é que a Comisión Internacional para a conservación do atún atlántico (ICCAT) aborde esta situación, se confirme o bo estado do recurso e se incrementen as posibilidades de pesca para o ano que ven”, sinalou o deputado popular.

Daniel Vega considerou “acaído” o momento da aprobación desta proposición non de lei, xa que a ICCAT reunirase do 12 ao 19 de novembro en Croacia e “é importante que o Goberno de España lle transmita a importancia do bo estado do bonito do norte e sexa capaz de que os representantes europeos fagan a forza necesaria para ampliar a cota”.

Exit mobile version