Site icon Crónica3.com A Mariña

Segue a mellora de estradas en Ribadeo

Ribadeo, 15 de outubro de 2018. O Concello, ademais da Xunta e da Deputación de Lugo, realizan nestas datas obras en diversos viarios de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que remataron por fin, e non era sen tempo, as obras da estrada Reme-Vilamar, que levou adiante a administración galega, seguen os traballos que a Deputación está a realizar en varias estradas da súa titularidade e hoxe no Concello procédese á apertura de plicas para executar o arranxo de distintas estradas municipais nas que investirá 250.000 euros de fondos propios.
O rexedor declarou que “neste principio de outono estivemos traballando en todas as infraestruturas aquí en Ribadeo, e teño que dicir que por fin, non é sen tempo tamén, a estrada Reme-Vilamar está rematada por parte da Xunta de Galicia, correctamente e é un bo traballo feito”.
Fernando Suárez dixo que “no día de hoxe vimos tamén como a Deputación de Lugo está aglomerando unha serie de quilómetros moi importantes para unir as parroquias do interior, que estaban nun estado lamentable, e agora por fin tamén estámoslle poñendo coto a esta situación tan mala”.
O alcalde de Ribadeo manifestou que “desde o Concello, no día de hoxe mesmo, entramos no período de abrir as plicas daquelas ofertas que presentaron as empresas que concursan a estas obras tan importantes de aglomerado asfáltico que faremos nas parroquias da costa como nas parroquias do interior”.
Fernando Suárez dixo que “as actuacións neste caso serán en Vilaselán (na Devesa), Covelas (nas Anzas), en Santalla e tamén en Couxela. Son 250.000 euros de fondos propios que veñen complementar as obras tanto autonómicas como provinciais para que, nun período curto de tempo, o sistema viario de Ribadeo sexa envexable, que é no que debe estar e debe seguir”.

Exit mobile version