A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta nova Xornada Técnica, que se celebra no Hotel Thalasso Cantábrico (Covas-Viveiro) o xoves 4 e venres 5 de outubro, para reflexionar sobre temas de interese das flotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro.
Nesta reunión participan representantes das Federacións de Confrarías do Cantábrico Noroeste: Guipúzkoa (Eugenio Elduayen, presidente, e Miren Garmendia, secretaria), Biscaia (Iñaki Zabaleta, presidente, e Aurelio Bilbao, secretario), Cantabria (Miguel Fernández, presidente, e Enrique Paz, secretario,), Asturias (Juan Dimas García Acebal, presidente, e Mª José Rico Fernández, secretaria), Lugo (José Basilio Otero, presidente, Javier Sánchez e Domingo Rey, vicepresidentes, e Carmen Abad, secretaria), A Coruña (Daniel Formoso, presidente) y Pontevedra (José Antonio Gómez Castro, presidente), así como a Federación Galega de Confrarías (Tomás Fajardo, presidente, e Marita González, secretaria).
A apertura do encontro terá lugar ás 16.00h do xoves e durante a tarde os representantes das oito Federacións de Confrarías manterán unha Xornada Técnica onde farán revisión das conclusións da terceira Interfederativa, que se celebrou en Burela en novembro do ano pasado, e abordarán diferentes temas xerais e de interese común, como os descartes, as medidas técnicas, o regulamento de control ou o plan de xestión do cantábrico-noroeste.
O encontro pecharase na mañá do venres cunha reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico. Está prevista a asistencia da Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias; a Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; os Directores de Pesca das Comunidades Autónomas do Cantábrico: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco; ademais doutros representantes de diferentes administracións e entidades do sector pesqueiro.