Site icon Crónica3.com A Mariña

Xunta e Mondoñedo asinarán este mes o convenio para a execución de accións na área de rehabilitación do Concello

Santiago, 20 de outubro de 2018.- A Xunta de Galicia está a ultimar os trámites necesarios para poder asinar este mesmo mes os convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo, que permita a execución de traballos na área de rehabilitación deste municipio da Mariña.

Así llo avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, durante unha reunión celebrada en Santiago, na que lle explicou que os convenios deben ser autorizados polo Consello da Xunta, antes da súa sinatura.

Do reparto de fondos de 2018, o Concello de Mondoñedo disporá de case 210.000 euros para levar a cabo actuacións de rehabilitación no Casco Histórico de Mondoñedo e nos Barrios Históricos de San Lázaro e Os Muíños. A conselleira salientou que esta nova contía -xunto con incentivos de anteriores convocatorias- permite a Mondoñedo levar a cabo actuacións por un importe global de máis de 500.000 euros.

A conselleira indicoulle que o IGVS axiliza a tramitación necesaria para poder asinar os convenios, co fin de que as administracións municipais -neste caso, o Concello de Mondoñedo- podan proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión. Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Exit mobile version