Site icon Crónica3.com A Mariña

14.958 mozas e mozos lugueses, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, están chamados a participar no programa de deporte escolar Xogade, financiado e promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Lugo, 16 de novembro de 2018.- 14.958 mozas e mozos lugueses, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, están chamados a participar no programa de deporte escolar Xogade, financiado e promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado do xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero, ofreceron os datos máis salientables deste programa no que respecta á provincia de Lugo onde as diferentes competicións están distribuídas en seis agrupacións xeográficas diferentes: A Mariña, Terra Chá, Lucus, Lugo Sur, Montaña e Val de Lemos.

As distintas probas de Xogade desenvólvense ao longo do ano con competicións de carácter local, provincial e autonómico, con diferentes ligas e campionatos finais segundo cada caso. Os calendarios para cada unha das semanas publícanse na web https://xogade.xunta.gal

14 modalidades diferentes
A través desta iniciativa a administración autonómica, en colaboración coas federacións e agrupacións escolares da provincia, ofrece un programa moi completo con 14 modalidades deportivas diferentes: atletismo en pista, badminton, baloncesto, balomán, campo a través, duatlón, fútbol sala, multixogo, natación, orientación, patinaxe, tenis de mesa, voleibol e xadrez.

“Os nenos e as nenas de Galicia que son a nosa materia prima máis valiosa, deben elixir o seu camiño no deporte sen atender a criterios maioritarios ou minoritarios. A nosa oferta debe ser todo o ampla que sexa posible para non deixar a ningún rapaz sen a súa actividade física”-explicou Balseiro.

Na presente edición, un dos deportes que máis aceptación acadou foi o de orientación, no que hai máis de 400 inscritos. Neste deporte os participantes participan nunha carreira individual, contra reloxo e en terreo descoñecido, na que teñen que pasar por unha serie de puntos chamados controis, os cales están sinalados con exactitude no mapa, e situados no terreo mediante unha baliza. Os deportistas completarán o percorrido máis ou menos rapidamente dependendo da súa habilidade para interpretar o mapa e o seu nivel de condición física. Coma todos os anos as modalidades máis demandadas son as tradicionais: fútbol sala, campo a través e atletismo.

Máis de medio millón de euros de investimento
A importancia do programa Xogade para a Xunta de Galicia referéndase no seu peso orzamentario. O Goberno galego inviste, só na provincia de Lugo, máis de medio millón de euros en concepto da organización de actividades, transportes e seguros.

A Xunta garante os seguros deportivos para os rapaces entre 6 e 16 anos destinando 374.000 euros para 2018 nesta materia. Por outra banda, a Xunta tamén sufraga o gasto de transporte, para o que se dispón de preto de 500 autocares, e encárgase da organización das competicións, para tal fin destínanse 133.000 euros.

O programa Xogade vai dirixido aos centros de ensino, ANPAs, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións etc. que o desexen. A Inscrición realízase a través da aplicación informática www.deporteescolargalego.com, que se atopa vinculada á páxina: deporte.xunta.gal

A modo de conclusión, o delegado explicou que con este programa a Xunta quere que as nenas e nenos medren con hábitos de vida saudables, entre os que a práctica da actividade física regular é un dos máis importantes. “Ademais de fomentar a actividade física entre as xeracións máis novas, o coñecido como deporte de base, garante que poidamos contar con bos atletas no día de mañá e, o que aínda é máis importante, a calidade de vida e saúde de todos”

Exit mobile version