O Presidente explicou que “esta Feira é unha das citas máis importantes para o Concello pois a grande número de persoas que participan dela, unhas 8.000, convértea nunha oportunidade de dinamización para a economía local. Ademais tamén é unha gran oportunidade de pór en valor os oficios tradicionais, que se mesturan con novidades do ámbito da artesanía e deseño, o que axuda a protexer o patrimonio etnográfico da Provincia”.
Martínez Bermúdez destacou que nesta ocasión participarán 30 anticuarios, de todo o territorio do estado e de Europa, así como 30 artesáns de diferentes puntos de España e que ofrecerán unha gran variedade de produtos: barro, madeira, cestería, complementos en tea, xoias ou coiro. O tenente Alcalde explicou que “todos os anos a feira ten máis solicitudes que espazos dispoñibles, polo que é necesario deixar postos en lista de espera”.
Obradoiros, motos e mostra
Este ano, as actividades compleméntanse coa III xuntanza de Vespas, motos e coches clásicos. Ademais, poderase visitar a mostra dedicada aos zoqueiros e galocheiros de Lugo. Impulsada polo Goberno da Deputación é unha homenaxe a estes artesáns que tiveron tanta importancia na Provincia e que reúne pezas e ferramentas de 24 concellos, retratos de antigos zoqueiros e un audiovisual que mostra o proceso de realización das zocas por parte dun mestre artesá. Haberá tamén demostracións ao vivo de diferentes oficios tradicionais de zoqueiro, cestería en vimbio, navallas, tear triangular, madeira, cestería, coiro, e pirogravado.
Menú “Especial Feira”
Campos Conde agradeceu “ao comercio local, a hostalaría e aos colectivos da Pontenova que en colaboración co concello, fan posible que esta Feira sexa un éxito” unha destas iniciativas é a oferta do menú “Especial Feira” cun prezo de 15 euros que se poderá gozar nos restaurantes San Briz, O Lar de Balbina, A Mina. Tamén estará presente a Pulpería Esther de Monterroso.