Site icon Crónica3.com A Mariña

A administración provincial pon a disposición do Concello de Viveiro medios técnicos e humanos para restablecer á normalidade

Lugo, 19 de novembro de 2018. O Goberno da Deputación pon a disposición do Concello de Viveiro todos os medios necesarios para que a vila de Viveiro poida volver á normalidade. Así o dixo hoxe o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, tras visitar ás zonas afectadas, acompañados pola Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, tras as fortes choivas que sufriu a vila na xornada de onte. Esta situación provocou o desbordamento do río Ponte Labrada na rúa Xunqueira, e no que, por desgraza, houbo que lamentar o falecemento dunha persoa. Nesta visita tamén participou a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

O Presidente trasladou o pésame á familia da falecida a consecuencia da tromba da auga. “Hoxe é un día moi triste para todos os veciños de Viveiro, por iso quero que sentan cerca o alento e o cariño de todo o Goberno da Deputación. É unha situación moi difícil, por iso hoxe máis que nunca tócanos a todos arrimar o ombreiro e saír adiante”.

Campos Conde avanzou que o Goberno da Deputación pon a disposición do Concello de Viveiro todos os medios técnicos, como o parque móbil, camións, palas, así como todo o persoal técnico que sexa necesario para valorar os informes dos afectados por estas inundacións.

O Presidente agradeceu “o traballo de todos os equipos de emerxencia trasladados a Viveiro, tanto GES, GRUMIR, Bombeiros, Policía, Protección Civil, sanitarios, así como todo os veciños que seguen colaborando nas tarefas de limpeza”.

Pola súa banda o Concello habilitou unha oficina para atender a todos os afectados. A rexedora demandou aos veciños que presenten nesta oficina unha declaración dos danos con fotografías dos desperfectos sufridos nas súas vivendas para facilitar a petición das axudas. Con esta medida, o Concello busca facilitar a tramitación de axudas aos veciños afectados. Dende o Consistorio tamén están valorando solicitar a declaración como zona de especial urxencia de Protección Civil.

Exit mobile version