Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia organiza unha nova fin de semana tecnolóxica que terá lugar este sábado, 10 de novembro, en Ribadeo

Ribadeo, 6 de novembro de 2018. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza unha nova fin de semana tecnolóxica que terá lugar este sábado, 10 de novembro, en Ribadeo. Neste curso abordaranse as baterías para vehículos eléctricos. A cita está destinada a profesores de FP, técnicos de empresa e a todas aquelas persoas interesadas no mundo do motor.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, contou que “nas fins de semana tecnolóxicas empezamos cunha actividade que se vai facer este sábado, día 10, ás dez da mañá no hotel O Cabazo, que é sobre as baterías dos vehículos eléctricos. Imos contar co enxeñeiro Álvaro Sauras, que tamén é xornalista da revista Auto Fácil, que nos vai falar sobre a problemática que neste momento hai cos vehículos eléctricos, de baterías principalmente e dos tipos de baterías”.
Doural explicou que “é unha sesión que vai durar toda a mañá e na que poderá participar todo o mundo que estea interesado. Poden poñerse en contacto con nosoutros a través do correo electrónico apagaribadeo@gmail.com, e nós indicarémoslles a forma de facer a solicitude. De momento quedan aínda catro prazas e está aberto a todo o mundo, profesores, alumnos de FP, técnicos de empresa e xente que lle guste coñecer como está a situación no tema das baterías”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia dixo que “é unha xornada de mañá na que se vai falar das baterías e de temas relacionados coa seguridade, o vehículo eléctrico, as desconexións e unha serie de problemáticas que ao ser un vehículo totalmente distinto ao que estamos acostumados temos cuestións como a post venta e a formación necesaria tanto para técnicos como usuarios deses vehículos”.
Homologación por parte da Consellería de Educación
Sobre os posibles cursos a desenvolver o vindeiro ano Álvaro Doural tamén comentou que “estivemos fai uns días na Dirección Xeral de FP e a partir de xaneiro, se as cousas van ben e non hai ningún cambio de última hora, todas as actividades que organiza APAGA se van homologar pola Consellería de Educación. Entón imos adaptarnos ao perfil de esquema de formación, aínda que vai ser igual, ás oito horas, mañá e tarde, e cursos moi específicos. Pero imos presentar estes días a solicitude pertinente e todo o mundo tería a súa certificación, especialmente o profesorado que é quen o necesita para concursos de traslados, sexenios e todo iso”.
O presidente de APAGA subliñou que “hai apoio e boa disposición pola Consellería de Educación para colaborar coas iniciativas de APAGA, tanto nos cursos de fin de semana como no fórum e a semana da Formación Profesional. É dicir que se abre unha nova etapa de colaboración que pensamos positiva principalmente para a formación profesional”.
Doural lembrou que “levamos traballando no tema bastante tempo. Estivo colaborando con nós o deputado Daniel Vega que estivo sempre pendente de resolver esta situación, que estaba aí desde que se iniciaron as fins de semana tecnolóxicas. Agora dáse un novo paso importante tamén para outro tipo de actividades de colaboración que creo que son boas para a FP, para a comarca e para darlle un impulso novamente a todo o que facemos ao longo do curso”.

Exit mobile version