Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acometerá unha dragaxe de urxencia no porto comercial de Ribadeo e tramita unha actuación integral

Ribadeo, 17 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia acometerá unha dragaxe de urxencia no porto comercial de Ribadeo, iniciativa coa que pretenden garantir a total operatividade da dársena de mercadorías de Mirasol.

Así o confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que Portos de Galicia xa ten moi avanzadas as xestións para acometer esta obra que conta cun orzamento estimado de entorno a 450.000 euros.

A actuación, que suporá actuar en 19.000 metros cadrados, ten previsto acometerse na zona central de Mirasol, canal do porto e no acceso ao porto deportivo, onde a dinámica das mareas deposita os sedimentos.

Xa está moi avanzada a tramitación ambiental deste proxecto, pois compre lembrar que a zona forma parte da Rede Natura 2000 o que obriga a desenvolver distintos estudos de impacto e autorizacións reforzadas

Balseiro tamén explicou que o proxecto non se limitará a esta dragaxe de urxencia, senón que xa se está tramitando unha actuación paralela, moito máis integral, que pretende ampliar a duración desta solución adoptada.

Confederación de empresarios
Balseiro amosouse sorprendido porque o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, reclame a súa mediación para acometer estes investimentos xa que logo lembra que na última xuntanza que mantiveron con este colectivo patronal e na que estaba o propio secretario, xa se lles informou desta iniciativa e das actuacións que ten previsto impulsar a administración autonómica nos próximos meses nos distintos portos da Mariña, con investimentos que superan os dous millóns de euros.

O delegado avanzou que nunha próxima visita o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ofrecerá máis detalles sobre esta e outras iniciativas.

Exit mobile version