Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia proporcionará catro vehículos todoterreo aos concellos de Cervantes, Lourenzá, Negueira de Muñiz e Xove, e catro remolques de emerxencias aos de Meira, Ribadeo, Viveiro e Xermade

Lugo, 20 de novembro de 2018. A Xunta de Galicia proporcionará catro vehículos todoterreo aos concellos de Cervantes, Lourenzá, Negueira de Muñiz e Xove, e catro remolques de emerxencias aos de Meira, Ribadeo, Viveiro e Xermade, equipamento que suma un investimento de 204.200 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego fai un especial esforzo por dotar de equipamento axeitado aos servizos de emerxencias, “especialmente nos municipios rurais, nos que a orografía e a dispersión poboacional fan máis importante se cabe o coñecemento do medio para acadar un maior grao de seguridade e eficacia”.

Balseiro explicou que este equipamento responde ao programa da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para mellorar o equipamento de emerxencias dos concellos de menos de 50000 habitantes que teñen Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Dende o ano 2015, engadiu, investíronse máis de 10 millóns de euros en material para as agrupacións de Galicia, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou desfibriladores, entre outros.

Nesta ocasión, distribúense 15 vehículos tipo pick up e 20 remolques de emerxencias no conxunto da comunidade. Os remolques están equipados con elementos como electrobomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil de gasolina, motoserra, rozadora manual, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización; polo seu tamaño, están pensados para poder circular por vías estreitas.

Balseiro explicou que a Xunta optimiza os recursos e os orzamentos ao adquirir este equipamento a través dun contrato de subministro por lotes, e cede aos concellos este material a través dunha convocatoria de axudas en concorrencia competitiva na que cada peticionario pode solicitar un equipamento por lote atendendo ás súas necesidades.

Exit mobile version