Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa fai un balance positivo das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que tiveron lugar do 2 ao 4 de novembro

Ribadeo, 5 de novembro de 2018. Acisa fai un balance positivo das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que tiveron lugar do 2 ao 4 de novembro. A asociación consideran que esta cita foi un revulsivo para a pasada fonte festiva.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, amósase satisfeito polo resultado obtido coa celebración destas xornadas: “queremos agradecer a participación dos 20 locais que fixeron menús, tapas e racións especiais para animar estas xornadas e por involucrarse nas campañas que organizamos desde Acisa. Tamén queremos dar as grazas aos grupos de música que nos amenizaron estes días e a Mialma Produciois, empresa mediante a que os contratamos. Pensamos que fixemos unha aposta diferente e que enchemos de música asturiana algunhas das rúas de Ribadeo”
Iriarte lembrou que “estamos tentando levar actuacións musicais a zonas de Ribadeo onde ata o de agora non tiveran presenza como ocorreu durante a Noite Cálida o pasado mes de agosto ou agora coas xornadas Asturias en Ribadeo. E tentaremos seguir nesta liña, conscientes de que non podemos chegar a todos os recunchos da nosa vila e ter música nos locais de todos os nosos asociados e asociadas, pero traballamos para seguir dándolles servizos”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliña que “cos datos que barallamos neste momento pensamos que foi unha boa ponte festiva para Ribadeo e as xornadas gastronómicas foron un revulsivo para estas datas. Os hoteis tiveron un bo nivel de ocupación, que se situou entre o 70 e o 90% e a hostalería traballou ben, sobre todo o venres e o sábado. Máis frouxos foron o mércores e o xoves. No caso do comercio a situación foi diferente. Notouse movemento nas tendas, pero temos que seguir traballando para que os turistas, ademais de consumir nos bares, mesóns e restaurantes, merquen no noso comercio”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo engadiu que “unha das cousas que temos máis claras é que debemos ampliar a oferta de ocio e de eventos para conseguir que o turista, que moitas veces está de paso, se quede máis tempo en Ribadeo”. E engadiu: “quedan menos de dous meses para rematar este 2019 e desde Acisa debemos buscar a forma de que comercio e hostalería, principais motores económicos de Ribadeo, poidan conseguir encarar o vindeiro ano con positivismo. E debemos concienciar á poboación da importancia que o pequeno comercio e a hostalería teñen para a economía local”.

Exit mobile version