Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa súmase á campaña do Concello Ribadeo en Negro coa edición e reparto de 1.000 pegatinas entre as súas asociadas e asociados. O obxectivo é concienciar á poboación sobor das violencias machistas

Ribadeo, 15 de novembro de 2018. Acisa reparte 1.000 pegatinas entre as súas asociadas e os seus asociados para sumarse á campaña Ribadeo en Negro, que organiza o Concello contra as violencias machistas.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos únese así un ano máis “a esta campaña do Concello e do CIM, dentro das nosas posibilidades, que é desde o punto de vista organizativo e con algo tan sinxelo como é axudar no reparto do material aos numerosos establecementos participantes. Son máis de 150 os que este ano se suman a Ribadeo en Negro”.
Desde a directiva de Acisa subliñan que “ademais como novidade este ano dentro da nosa campaña Lembra, que utilizamos na asociación para concienciar sobre diferentes temas, editamos 1.000 pegatinas para repartir entre os nosos asociados e asociadas para que as poñan nos mostradores dos seus locais, nos escaparates ou para que as empregue o persoal das tendas, dos bares… o día 23 de novembro, que é a xornada na que se celebra o acto central de Ribadeo en Negro na rúa San Roque”.
E engaden: “desde Acisa cremos esencial colaborar e estar presentes nesta campaña tan relevante e importante para a sociedade como é a loita contra as violencias machistas. Animamos a todas as persoas que o desexan a sumarse a esta cita”.

Exit mobile version