Site icon Crónica3.com A Mariña

Adolfo Caamaño Vázquez, primeiro premio de novela Vilar Ponte con “Matar o heroe”

Viveiro, 26 de novembro de 2018. O xurado do I Premio de Novela Vilar Ponte reuniuse no día de onte, domingo 25 de novembro de 2018, ás 10:00 horas, na casa do concello, para decidir as obras que serán galardoadas co primeiro e segundo premio, respectivamente.
Nesta xuntanza, Carlos Nuevo Cal, Cronista do Concello de Viveiro, fixo constar non só o exito da convocatoria, á que se presentaron 36 obras, senón tamén a calidade das mesmas, o que supuxo unha dificultade para o xurado á hora de tomar a súa decisión.
Alba Porral, xornalista especializada no ámbito literario, corroborou as apreciacións anteriores e matizou que a ironía que se desprende nalgunha destancando que non é fácil conseguir isto en narrativa e novela.
Pola súa banda, Bernardo Penabade, profesor de lingua e literatura galega, coincidiu coas declaracións anteriores e sinalou que, tras a lectura pormenorizada das obras presentadas, se observa que foron escritas por autores e autoras dende distintos puntos da xeografía galega.
Os membros do xurado estableceron os criterios a seguir para a valoración das obras, indicando que se ía a ter en conta para a calidade literaria e lingüística, a puntuación, a boa narrativa, a temática, a xeneralidade do público á que vai dirixida e a cohesión nas partes da obra.
Tras as deliberacións oportunas, o xurado por unanimidade acordou:
-Conceder o primeiro premio a ADOLFO CAAMAÑO VÁZQUEZ, pola obra Matar o heroe, presentada baixo o lema A CARNE DO TEMPO. As razóns polas que se lle concede este primeiro premio son a solidez narrativa tanto da estrutura como da ambientación espacial, cronolóxica e das personaxes; o seu carácter de obra de contido universalista e a defensa do pacifismo e non violencia en consonancia cos valores cívicos-sociais defendidos polos irmáns Vilar Ponte na súa traxectoria vital.
– Conceder o segundo premio a ROCIO LEIRA CASTRO, pola obra Veleno en familia, presentada baixo o lema PICO SACRO. Concédeselle este segundo premio polas seguintes razóns: por conseguir unha radiografía social da sociedade galega actual; polo dinamismo narrativo proporcionado por unha polifonía de voces corais que ofrecen diferentes interprentacións dunha mesma realidade; pola excelente recopilación de fraseoloxía da linguaxe popular perfectamente contextualizada e pola análise da situación específica das mulleres.

O acto de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz, nun acto presentado por LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO, historiador que naceu en Ribadeo en 1961. Fernández Prieto é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 2005 e, na actualidade, é director do Departamento de Historia Contemporánea da USC; foi secretario do IDEGA entre 1992 e 1995 e pertence ao seu consello científico e foi vicerreitor de relacións institucionais da USC entre 2007 e 2010. É autor de máis de cen publicacións e foi galardoado co Premio Losada Diéguez de investigación e o Premio da Crítica de Galicia.

Durante o acto de entrega está prevista a actuación do grupo coral Son de Nós.
Dende o Concello de Viveiro quérese aproveitar a ocasión para convidar a todas aquelas persoas que o desexen a asistir a este acto, que suporá o peche desta primeira convocatoria do I Premio de Novela Vilar Ponte, un concurso literario que o concello de Viveiro organizou coa pretensión de apoiar e difundir a literatura en lingua galega, co propósito de que se consolide no tempo e se convirta nun premio de referencia no ámbito cultural galego.

Exit mobile version