Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias:”A autoridade da razón”

A razón non ten dono, non é de ninguén, ou dito doutro xeito, é independente de quen a teña.
Por iso a razón non precisa exércitos, deféndese por si soa.
No camiño deica a busca da razón cumpre ir en boa compañía; esta é un compendio dunha intelixencia socialmente adquirida e transmitida de xeración en xeración. Ninguén crea da nada salvo deus.
Por iso o mestre é a “clave de bóveda” sobre a que se constrúe a sociedade que está por vir, o compañeiro de viaxe imprescindible de calquera tempo. Aínda que a rutina remate sepultándoo, o pasado 27 de novembro foi o día internacional do mestre.
A un fulano que lle chaman Patrick Awuah recoñecérono en novembro do pasado ano 2017 co premio Wise para a educación, algo así como a “Bola de Ouro” da pedagoxía.
Un ano despois o mestre Awuah ven perfectamente traído a este relato; o individuo da nosa historia marchou de Ghana no ano 1985 con 50 dólares no peto e una beca para a universidade de Pensilvania.
Paradigma do soño americano, traballou en Microsoft 8 anos, onde fixo fortuna desenrolando o software do sistema operativo Windows NT.
Farto da súa cómoda vida en Seattle, Patrick Awuah, a quen nunca acovardaron os cambios, volta no ano 2002 a Ghana para fundar co seu capital a Asheshi University; no ano de apertura o 50% dos estudantes eran becados, a metade mulleres e había máis de 20 países representados no campus.
“Precisamos líderes filósofos. O importante é ser sempre honesto e transparente, educar na capacidade do pensamento crítico e saber que, cando caes, é importante erguerse e saír adiante”, afirmaba o noso protagonista.
Voltando á nosa realidade a historia da para pescudar a propósito dos nosos mestres, do absoluto desprezo e minoración da súa relevancia e consideración social nos últimos tempos, da burocratización do ensino, do sometemento constante a políticas curtopracistas que instrumentalizan a educación, do triunfo do cientifismo e especialización sobor do coñecemento humanista…
No ano 2007, foi modificado parte do contido dos artigos 154 e 268 do Código Civil nos que se recollía o dereito de corrección razoable; máis aló da discusión respecto de si debe de ter cabida a coerción en calquera eido da educación –xa sexa nos fogares ou nos centros de ensino- o certo é que a nova redacción traslada dita responsabilidade ás autoridades públicas:
-“os pais poderán no exercizo da súa actividade recabar o auxilio da autoridade…”
Malos augurios para aquel modelo que pretende trasladar aos mestres as obrigas das casas, mal sistema aquel que concibe outra autoridade que non sexa estritamente a da razón.

Exit mobile version