O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego traballa “para avanzar na consolidación dun modelo turístico de calidade e competitivo”, para o cal “debemos ofrecer unha oferta diversificada e instalacións e servizos axeitados”.
Destacou que na Mariña están practicamente a metade dos establecementos beneficiados no conxunto da provincia (11 en total). Así, participan desta convocatoria A Casa do Mudo en Cervo, El Pinar y Hotel Mi Norte en Ribadeo, Hotel Vila do Val no Valadouro, e Hotel Ego de Viveiro. Todos os promotores recibiron achegas de entre o 30 e o 35 por cento do investimento subvencionable do proxecto presentado.
O orzamento inicial desta convocatoria foi ampliado para atender as solicitudes presentadas, que cobren ata o 35% do importe, cun máximo de 35.000 euros por cada unha das entidades beneficiarias.
Esta orde de subvencións da Xunta busca consolidar Galicia como un destino excelente e máis acolledor, tal e como recolle a Estratexia do turismo de Galicia 2020. A través destes incentivos, procúrase que os responsables de negocios incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) leven a cabo as remodelacións precisas para o desenvolvemento da súa actividade, cos maiores estándares nos servizos prestados.
Accesibilidade e aforro enerxético
Entre outras accións subvencionables por estas axudas, contémplanse as destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras, afondando así nos compromisos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago impulsado polo Goberno galego. A orde tamén propicia a obtención de certificacións de calidade, ampliando o liderado da nosa Comunidade no ranking da Q de Calidade Turística, con case o 20% dos establecementos recoñecidos en España.
Así mesmo, abarca proxectos para elevar a clasificación do establecemento, que supoña un incremento da categoría na que se atopa na actualidade; actuacións de climatización que favorezan a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético; traballos de renovación e de modernización das instalacións, así como destinadas a embelecer as contornas, e, por último, renovación dos equipos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento.