Site icon Crónica3.com A Mariña

Desconcerto na recollida de lixo no Concello de Foz, advirten os socialistas

Foz 21-11-2018. Unha das funcións principais dos Concellos é prestar uns bos servizos públicos aos seus veciños, garantindo que os recursos que se obteñen a través dos impostos se xestionan de forma eficaz e adecuada.

A mediados do pasado mes de Agosto coñeciamos pola prensa que a empresa encargada do servizo da recollida de plásticos e envases – contedor amarelo – renunciaba á concesión por escrito e deixaba de prestar o servizo. Anunciaba daquela o alcalde de Foz que outra empresa realizaría a recollida como se facía ata o momento. Transcorridos tres meses, sen ningún tipo de información desde o Concello, desde o PSOE preguntámonos: que tipo de contrato se fixo con esta empresa?, que foi dos traballadores, que o propio alcalde non descartaba, tivesen que ser subrogados?, pensa o alcalde sacar a concurso público a concesión deste servizo?

“Denunciamos unha e outra vez a falta de respecto do alcalde polos procedementos legais. Queremos que nos informe de que servizo se está a prestar, cal é o custo do mesmo, se está a repercutir negativamente nas contas do Concello e por que non saca a concurso público a concesión do servizo de recollida de plásticos e envases. Queremos as cousas claras, estamos absolutamente fartos de escusas e escurantismos”

A falta de mantemento e de medios estase observando tamén na recollida de lixo orgánico – os contedores verdes – O concello de Foz realiza este servizo con medios propios, tendo dous camións para esta tarefa. A finais de setembro un deles sufriu un incendio á vez que o outro se atopaba avariado: ata o día de onte estívose prestando o servizo con un camión externo, o que supoñemos xeraría unha serie de gastos extra ao Concello.

“Que pasa coas reparacións en Foz? Non é normal que un camión bote máis de dous meses agardando reparación no caso do que ardeu, e máis de dous no caso do avariado con anterioridade” “Os medios do Concello hai que coidalos, páganse con diñeiro de todos”.

É certo que o servizo se sigue prestando, pero non é menos certo que unha administración e o seu rexedor teñen a obriga de facer as cousas correctamente e conforme a lei e non poñendo parches indefinidos no tempo como fai o alcalde de Foz. A falta de xestión pagámola todos: outro sobre-custo que pasará a engrosar as facturas e partidas sen xustificar que ano tras ano seguen aumentando, superando xa no exercicio do ano 18 os 900.000 euros sen contar os 140mil destinados a cuberta do pavillón que non se cambiou, pese a ser necesario, cando se remodelou, o que acabará dando lugar a un novo incumprimento da estabilidade orzamentaria e do plan económico financeiro.

Exit mobile version