Site icon Crónica3.com A Mariña

Do 16 ao 25 de novembro desenvolverase a campaña Ribadeo en Negro contra as violencias

Ribadeo, 14 de novembro de 2018. Do 16 ao 25 de novembro desenvolverase a campaña Ribadeo en Negro contra as violencias. O acto principal será o día 23 na rúa San Roque. Os actos foron presentados esta tarde no porto de Rinlo.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “este ano 102 Concellos galegos e tres Deputacións Provinciais sumáronse á campaña #EnNegroContraAsViolencias, dando pé a unha cooperación intermunicipal sen precedentes en Galicia.Estamos traballando no desenvolvemento dunha acción conxunta contra as violencias machistas que ten como obxectivo principal sensibilizar á poboación sobre a situación de violencia que viven as mulleres polo mesmo feito de selo”.
A edil ribadense lembrou que “por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ribadeo  impulsa a participación nesta campaña que conta coa colaboración nestes momentos de case 150 entidades sociais, establecementos comerciais e de restauración. A campaña #EnNegroContraAsViolencias, promovida desde 2015 polo Concello de Santiago, á que o noso Concello se uniu no 2016 cando se decidiu facela extensiva a outros Concellos e que no ano 2018 se estende a unha rede que alcanza a case o 50% da poboación galega para combater a problemática social da violencia contra ás mulleres”.
Álvarez Lastra dixo que “baixo o lema En Negro Contra As Violencias-Ribadeo en Negro e co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía imos levar a cabo varios actos estes días. Para iso, animamos ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro. Do 19 ao 25 deste mes vestiremos de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”.
E engadiu que “ao longo desta semana, o xoves e o venres procederase á distribución do material que editamos este ano entre as entidades participantes. De todas formas, como ven sendo habitual,  pedimoslles e  instámoslles a que aproveiten e reciclen o material dun ano para outro. Ademais desde o link da páxina #EnNegroContraAsViolencias calquera persoa poderá descargar tanto os  deseños xenéricos da campaña  como os específicos de Ribadeo e imprimilos para a vosa oficina, centro ou establecemento ou para a vosa casa”.
 https://ennegrocontraasviolencias.gal/#descargas 
A concelleira de Igualdade subliñou que “hoxe estamos presentes representantes de diferentes entidades e sectores sociais, dos centros educativos do Concello, do Centro de Saúde, do Centro de Día, do Comité Lila, do programa Aquí como de 20, da Policía Local, da EMMeD de Ribadeo, do CIM, dos Servizos Sociais… do Concello e de ACISA, que colabora intensamente nesta campaña tamén prestrándonos apoio organizativo”.
Álvarez Lastra contou que “comezamos hoxe con esta presentación e o venres, día 16, xa temos un dos primeiros actos da campaña Ribadeo en Negro. Proxectarase o venres, 16 de novembro, ás 20.00 horas a curtametraxe realizada polo Comité Lila Pensa, fálao. Vive, con ocasión do 25 de novembro, día internacional contra a violencia cara ás mulleres”.
E seguiu a relatar que “na vindeira semana presentaremos outras iniciativas que fan fincapé en que para erradicar a violencia de xénero é fundamental traballar e desenvolver políticas de igualdade. Por iso, desde a Concellaría de Igualdade faremos fincapé en varias accións dirixidas á coeducación, porque a conmemoración do 25 de novembro tamén ten que ser e debe ser en positivo, reflexionando ou impulsando accións de traballo que nos leven a concienciar e sensibilizar nun Ribadeo libre de violencias machistas! E remataremos esta campaña un acto central que se desenvolverá o venres, 23 de novembro, ás 12.00 horas na rúa San Roque, onde temos previsto facer un acto no que participarán diferentes entidades e os centros educativos de Ribadeo e pechará o acto a actriz galega Iria Sobrado coa perfomance Titania”.

Exit mobile version