Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela remataron as actividades da Semana Europea da Prevención de Residuos, que organizou a Concellería de Medio Ambiente do 17 ao 25 de novembro

Burela, 26 de novembro de 2018. A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Noelia Mª Ben, celebrou do 17 ao 25 de novembro a Semana Europea da Prevención de Residuos con varias actividades como a realización de talleres ou a instalación dunha mesa informativa para concienciar á poboación sobre a necesidade de reciclar e reducir o lixo que se xera a diario.
A edil contou que “realizamos dous talleres de cociña con sobras cos usuarios da Fundación Eu Son, en concreto elaboramos torradas aproveitando o pan duro. E tamén tivemos unha mesa informativa, na que repartimos dípticos que baixo o lema Menos residuos=máis recursos, dando unha serie de consellos para reducir o lixo que xeramos no día a día, ademais de diversos contos coa temática da reciclaxe, todo este material foinos enviado por Sogama, ao que lle temos que agradecer a súa colaboración. Na mesa informativa aproveitamos para pasarlles un cuestionario a todos os veciños e veciñas que se achegaron, co fin de coñecer un pouco máis os costumes en canto ao tipo de lixo que xeran, onde o depositan, uso do punto limpo, desperdicio de comida…”.
Noelia Mª Ben engadiu que “o que observamos ao respecto foi que a gran maioría da xente está moi concienciada sobre a perigosidade das pilas, no respecto a que contaminan moito, e que as depositan correctamente nos mini colectores que hai en diferentes edificios públicos. Pero non o están tanto no referente ás bombillas, xa que a maioría das persoas as depositan no contedor do vidro ou no xenérico, descoñecendo a maioría que deben facer con elas. O mesmo pasa cos botes de pintura, xa que poucas foran as persoas que afirmaron levalos ao punto limpo, unha vez estaban baleiros. Outro dos puntos débiles que observamos foi o referido ao aceite doméstico usado, xa que aínda quedan moitas persoas que o tiran polo fregadeiro e non dan uso dos contedores que temos na rúa. A maioría das persoas que se achegaron afirmaron que separaban os residuos no fogar, pero seguen tendo moitas dúbidas do que teñen que depositar en cada contedor. Consideramos que imos polo bo camiño, pero temos que seguir realizando campañas informativas a este respecto”.

Exit mobile version