Site icon Crónica3.com A Mariña

F O Z : 40 ANOS DE “OS BOLOUROS”

O colectivo compre 40 anos de existencia; no seo da peña ”O Lar” nacía en 1978, impulsado por Constantino Mariño, á sazón Xefe da Oficina de Extensión Agraria da nosa vila; experto micólogo, conferenciante e entusiasta apóstolo da devandita especialidade; pioneiro na bisbarra espallando o interese cultural, culinario e económico dos fungos.
En 1987 ,”Os Bolouros” foran encargados de organizar a IX Semana Galega da Micoloxía que propiciou a presenza na vila dun feixe dos mais carismáticos especialistas de Asturias e Galicia.
Antón Patiño, persoeiro singular, de grande cultura, prestixoso libreiro da cidade de Vigo ,onde presidía a asociación “A Zarrota”, así como “Os Lactouros”, de Monforte e tamén a Federción Galega, acudira a Foz en repetidas ocasións, para celebrar xuntanzas e participar en diversas actividades referidas ó mundo dos cogumelos: extrovertido, poeta, pintor, bohemio. De discurso grandilocuente; elegante na presenza o nos modais, non volvéramos a ollarnos dende os días de “Os Bolouros”, aínda que a nosa relación, por razón profesionais, era anterior.
O noso reencontro producíase o 1º de setembro de 2004, na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, no enterro do Poeta Manuel María; en momento moi emotivo: entre a numerosa asistencia, có cadaleito ós pés da Virxe, da que se tiña declarado “moi parcial”, mentres os seus amigos da banda de Sober interpretaban a “Negra Sombra”. Ó remate achegouse a nós un home, cangado polos anos, que se apoiaba nun caxato con artística empuñadura. Ante a nosa indiferencia pola súa presenza, díxonos: “Ti non eres o Suso de Foz?”. “De momento, sí…”, respostamos. “Eu, nos dixo, redactei os estatutos de “Os Bolouros…” ¡¡ Patiño!! .. exclamamos.
Pasado un tempo visitámolo en Vigo; pero saímos tristeiros do encontro: o home perdera a enerxía e a vitalidade que o distinguían; a expresiva mímica que prodigaba , e mesmo o bermello das meixelas. O sete de xullo os xornais daban a triste nova: ¡finara Patiño!. Pouco antes publicara o libro “Memoria de ferro”, sobre a xeración sacrificada polar presión da guerra do 36. ¡Patiño!…, unha personalidade non doada de esquecer .
Correos emitira un selo especial da IX Semana Micolóxica de Galicia en Foz ó que él non fora alleo. “Os Bolouros”, baixo a experta batuta do biólogo Xesús Blanco segue a súa ruta, cara á vindeira efeméride: as Vodas de Ouro.¡Feliz travesía!

Exit mobile version