Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente apoia un proxecto de mellora en terreos do monte veciñal de Laxamoura, en Xove

Xove, 28 de novembro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoia un proxecto de mellora promovido pola comunidade de montes veciñais en man común de Laxamoura, no concello de Xove. A actuación céntrase nunha parcela adicada á gandeiría extensiva.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta financia esta iniciativa a través da orde de axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000.

O obxecto deste proxecto é a mellora de 900 metros de peche perimetral e un curro gandeiro nunha parcela deste monte. A achega concedida ascende a 5.200 euros e supón o cen por cen do importe da actuación, a excepción do IVE.

Estas axudas son cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación das zonas rurais a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Os beneficiarios das subvencións son persoas titulares de terreos agrícolas e forestais, os propios concellos e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio, para realizar proxectos en zonas incluídas dentro da Rede Natura.

 

Exit mobile version