Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asistiu en Santiago á sinatura dun novo protocolo contra a violencia de xénero xunto a representantes doutros cen Concellos galegos e as tres Deputacións

Ribadeo, 12 de novembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, asistiu en Santiago á sinatura dun novo protocolo contra a violencia de xénero xunto a representantes doutros cen Concellos galegos e as tres Deputacións. O rexedor lembrou que Ribadeo foi un dos primeiros en participar nesta iniciativa municipalista na que leva traballando catro anos e subliñou que teñen programados infinidade de actos do 19 ao 25 de novembro.
Fernando Suárez declarou: “con todo o orgullo estamos aquí en Santiago hoxe, para a sinatura deste novo protocolo contra a violencia de xénero, que estamos asinando máis de cen concellos que levamos catro anos traballando nesta iniciativa municipalista”.
O rexedor ribadense lembrou que “Ribadeo foi dos primeiros concellos, xunto con Santiago de Compostela e tres ou catro máis, que iniciamos esta singladura. Agora temos 102 concellos, tres Deputacións de todas as provincias, agás a de Ourense, que estamos traballando pola igualdade e contra a violencia de xénero”.
Suárez Barcia salientou que “esta violencia aféctanos a todos, con independencia da situación social e do lugar onde esteamos, e que entre todos e todas temos que combatela, e sobre todo temos que concienciar dende todos os eidos. Por isto esta marabillosa campaña que iniciamos desde os Concellos, pero que abrangue a moitísimas institucións. En Ribadeo a centros educativos, ao centro de día, a clubs deportivos, multitude de asociacións e todo o noso comercio local con máis de 150 inscritos nesta campaña, para poder visibilizar con estas pancartas en negro, con esta publicidade subliminal, poñendo o negro contra a violencia para que vaia calando día a día e para que estas desgrazas que temos que ver e escoitar nos medios de comunicación, de asasinatos de mulleres por violencia de xénero, teñen que ser cousa do pasado. Non podemos aceptar ningunha máis”.
O rexedor engadiu que “por iso estamos aquí moitísimos Concellos, e Ribadeo entre os primeiros, para asinar este novo protocolo que vai dar lugar a todas as actividades que do 19 ao 25 de novembro se van levar adiante, e singularmente para o día 23 de novembro, ás doce, que vai haber un acto tamén en Ribadeo do que daremos cumprida conta dentro duns días”.

Exit mobile version