Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, ofrece un viveiro de empresas con oficinas totalmente equipadas e asesoramento gratuítos para emprendedores. É a única instalación deste tipo que hai na Mariña

Ribadeo, 7 de novembro de 2018. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, ofrece un viveiro de empresas con oficinas totalmente equipadas e asesoramento, todo elo gratuíto, para emprendedores. Trátase da única instalación deste tipo que hai na Mariña. Este servizo foi dado a coñecer este mediodía polo director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal; a coordinadora de Emprendemento e xefa do Departamento de Formación e Orientación Laboral do centro, Marisol Folgueira; e María Novo, ex alumna do Porta da Auga que utilizou este viveiro de empresas para poñer en marcha o seu negocio, que é o centro de ocio infantil Con Sentidiño, de Ribadeo.
Isidro Berdeal explicou que “a este viveiro poden acceder todas as persoas que reúnan unha serie de requisitos, como que estean matriculados nalgunha ensinanza sostida con fondos públicos na comunidade autónoma de Galicia e que estuden Formación Profesional, ensinanzas de artes plásticas, deseño, ensinanzas artísticas, deportivas, bacharelato ou educación secundaria para persoas adultas (ESA), ou tamén persoas que rematasen os seus estudos nos últimos catro anos. Pode ser para un ou varios emprendedores dentro dun mesmo proxecto, dependendo da forma xurídica que vaian elixir. No Porta da Auga temos dúas unidades a disposición daquelas persoas que reúnan os requisitos para poder utilizar estes viveiros”.
O director do centro especificou que “nas dúas unidades do viveiro de empresas do Porta da Auga están a disposición dos usuarios un ordenador, material ofimático, como escritorio e arquivadores, liña telefónica, conexión a internet e luz. Teñen á súa enteira disposición estes medios, podendo utilizalos non soamente en horario lectivo senón que poden vir tamén en horario de tarde facer uso destas instalacións”.
Pola súa parte a ex alumna do Porta da Auga María Novo comentou: “eu empecei no viveiro cando estaba neste centro facendo as prácticas e o proxecto de empresa do ciclo de educación infantil. Eu tiña unha idea que quería levar a cabo e Marisol ofreceume este espazo para poder facelo. A min resultoume moi útil xa nos inicios da formación da empresa, cando tes un montón de dúbidas, contas con asesoramento por parte do programa de emprendemento e tamén dos profesores do centro. Outra cousa boa que lle vin foi as charlas ás que asistín en Lugo e en Santiago, nas que puiden coñecer as experiencias doutros emprendedores. Toda esta axuda que che ofrecen desde o centro e desde o programa de emprendemento totalmente gratuíta é unha pena que non se estea aproveitando e que xente que está pensando en montar empresas non faga uso deste espazo”.
María Novo engadiu: “fixen uso do viveiro durante un ano, cando estaba programando e preparando a idea de empresa que tiña. Eu o viveiro véxoo moi útil para a xente que quere emprender e montar negocios on line ou que necesiten un espazo físico como este, porque non tes que pagar aluguer, luz nin outros servizos e hai unha flexibilidade horaria na que podes estar o tempo que queiras traballando. Montar unha empresa e non ter gastos de aluguer, de auga e de luz é bastante importante. Podes estar durante dous anos pero se non hai ninguén novo interesado en utilizar este espazo tes a posibilidade de seguir máis tempo”.

Exit mobile version